A ACRD Santa Mariña do Monte fará o camiño a Santo André o sábado 5 de xullo

0

A ACRD Santa Mariña do Monte organiza unha andaina a Santo André de Teixido o vindeiro 5 de xullo. A actividade ofrece dúas opcións de saída —a pé ás 7:00 ou en bus ás 11:00h— e inclúe á volta o xantar no restaurante Brisas. As inscricións poden formalizarse ata o 1 de xullo a través do 630 811 062 ou do 607 619 310. A entidade montesa proponnos desta maneira unha saída que combina o exercicio físico e o lecer co sostemento da tradición milenaria de ir ver o santo. Ademais, indo en vida evitaremos ter que ir aló despois da morte, en forma de réptil, insecto ou calquera outra animalia. 

A ruta que se vai facer percorre un tramo do Camiño Vello a Santo André, seguindo a parte da traza que vén desde o mosteiro do Couto documentada no verán de 1755 por Frei Martín Sarmiento (pp. 55-57).

O camiño entra en Santa Mariña polo Monte dos Nenos, moi preto do Marco de Portonovo de Valverde -a pedra que sinala os límites entre San Sadurniño, Narón e Valdoviño- e vai bordeando a parroquia ata entrar en Loira. Logo cruza a presa das Forcadas e encamíñase ata Porto do Cabo e, tras cruzar o río das Mestas, emprende o ascenso a San Román de Montoxo, o miradoiro de Penedo Edroso e o miradoiro de Chao do Monte, primeiro sitio desde o que se divisa o santuario antes de emprender a baixada final.

A andaina a pé abrangue aproximadamente 22 quilómetros, cun desnivel acumulado superior aos 700 metros, polo que se recomenda unha mínima preparación física. O percorrido transcorre por camiños forestais, pistas de terra e tramos asfaltados, pasando por algunhas paraxes certamente espectaculares do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Para completar a ruta sen dificultades, a organización aconsella levar calzado de sendeirismo, roupa cómoda e axeitada á meteoroloxía, bastóns de apoio e unha pequena provisión de auga e alimentos para o camiño.

A saída a pé será ás 7:00 dende o local social de Santa Mariña, mentres que as persoas que opten polo bus sairán ás 11:00. O xantar está posto para 14:30h no restaurante Brisas -desde Santo André volverase no autocar, non hai que regresar a pé-, cun menú composto por empanada, croquetas caseiras, ensaladilla, tenreira asada, sobremesa, bebida e café. A volta ao local social da Golpilleira realizarase despois da comida.

O prezo da actividade é de 25 euros para asociadas adultas e gratuíta para menores de 12 anos. No caso de persoas non asociadas, o custo será de 30 euros para adultas e 15 euros para menores. As inscricións están abertas ata o 1 de xullo e deben formalizarse chamando ao 630 811 062 (Pilar) ou ao 607 619 310 (Camila).

Share.