A ACRD de Santa Mariña do Monte organiza un campionato de tute durante abril e maio

0

A veciñanza de Santa Mariña do Monte segue mantendo o costume de xogar á baralla no local social como maneira de fomentar o contacto veciñal e tamén de manter a mente activa, xa que levar conta dos tantos feitos e das cartas e trunfos que van fóra é un exercicio cerebral ben saudable. Aínda que hai ducias de xogos -brisca, escoba, chinchón, subhastado, pocha, mus…- na nosa zona quizais sexa o tute o máis practicado e tamén aquel que mellor se presta á organización de maratóns ou campionatos coma o que está armando a ACRD Santa Mariña do Monte para este mes e o que vén, sempre e cando dean xuntado parellas suficientes. Podedes anotarvos nos teléfonos 630 811 062 ou 607 619 310.

As partidas xogaríanse todos os venres de abril e maio a partir das 21:30h no local social da Golpilleira. A inscrición son 20€ por persoa asociada á entidade e 30€ para quen non o sexa, razón pola que compensará entrar formar parte da entidade -a cota anual son 10€- e gozar así de prezos algo máis vantaxosos nas actividades que organizan ao longo do ano.

No prezo da inscrición inclúese o dereito a xogar no campionato -obvio-, o agasallo que levará a parella ganadora e tamén o xantar de clausura do campionato. O sábado pola mañá a entidade organizadora comentaba que tiñan poucas parellas anotadas, aínda que tamén dicían que xa foran varias as persoas que se interesaran polo seu desenvolvemento e que contaban con xuntar xente suficiente para levalo a cabo.

En calquera caso, o comezo da competición está programado para este venres. Quen queira inscribirse ou ampliar información debe chamar ao 630 811 062 ou 607 619 310.

O tute, deporte mental
Xogar ás cartas (de maneira segura, enténdase), e en particular ao tute, é unha excelente forma de exercitar a mente e fomentar as relacións sociais. Non hai tantos anos rara era a taberna onde non se armaba unha partida logo do xantar ou á noitiña, trala cea, en especial nas fins de semana. Porén a maioría das tabernas foron pechando e, nas que aínda resisten, agora o raro é precisamente escoitar o balbordo dos arrastres, os cantes e o conteo das dez de últimas. A falta dun estudo serio, todo parece indicar que a baralla como entretemento de fonda raíz social ten hoxe como principais redutos de subsistencia os domicilios e os centros sociocomunitarios.

Que ao tute cada vez se xogue menos -ou iso se percibe- quizais sexa outro signo máis dos tempos de relacións virtuais e autarquía mental en que vivimos. E non se explica moito a razón, posto que o ten todo para entreter e é un traballo fantástico para as nosas neuronas.No aspecto cognitivo, o tute require memoria, concentración e estratexia, xa que é fundamental lembrar as cartas xogadas, calcular probabilidades e anticiparse aos movementos da parella rival, moitas veces tirando de psicoloxía.

Ademais, ao ser un xogo de interacción, promove as habilidades sociais, a comunicación e mesmo o sentido do humor, facendo que sexa unha actividade perfecta para compartir momentos agradables con amizades ou familiares. Así, o tute non só desafía o intelecto, senón que tamén fortalece os lazos sociais, converténdose nun pasatempo tan divertido como beneficioso e un remedio infalible para a soidade non desexada.

Por iso, sexa no campionato de Santa Mariña do Monte, ou sexa en calquera outro sitio, xogar ao tute con outras persoas -insistimos con sentidiño e por pasalo ben- é un excelente deporte mental e social.

Share.