O Concello eleva a definitivo o listado de admisións na EIM A Rolada

0

A área de Igualdade do Concello notificaralles nos próximos días ás familias a adxudicación definitiva de prazas da escola infantil municipal A Rolada. O listado completo pode consultarse no tablón de anuncios do consistorio e nel aparecen reflectidas 29 admisións máis un nome que queda en lista de agarda por se se producise algunha vacante na aula de 2 a 3 anos, a única co cupo cuberto. A información remitiráselle por correo certificado a cada familia que, unha vez recibida a notificación, disporá dun prazo de 15 días para formalizar a matrícula. Desde o departamento encargado da xestión  insístese en que é necesario tramitar a matriculación dentro do período establecido, xa que doutro xeito perderase a praza.

De confirmarse todas as matrículas tal e como aparecen no listado, a EIM A Rolada atendería no curso que vén un total de 29 meniñas e meniños dos que 18 son membros de familias de San Sadurniño, 4 de Narón, 3 de Moeche, 2 de Cerdido, 1 de As Somozas e 1 de Ortigueira.

A maioría das solicitudes admitidas foron para as aulas “de maiores”, é dicir, para a a de 1-2 e 2-3. De feito é nesta última onde están cubertas as 17 prazas dispoñibles, mentres que para a idade intermedia -1 a 2 anos- aínda habería dúas vacantes e para a inicial -0 a 1- a EIM aínda podería atender sete meniñas e meniños máis.

Polo tanto, a escola dispón arestora de 9 prazas libres que podería ser algunha máis nos próximos días. E é que hai familias que solicitan en varios centros e que despois de obteren praza decántanse polo que máis se adapta ás súas necesidades de conciliación. É por isto que, malia figurar na lista definitiva de adxudicacións, a confirmación da praza só se obtén cando se efectúa o pagamento da matrícula e se presenta toda a documentación esixida no regulamento, a saber: catro fotografías tamaño carné, a autorización por escrito das persoas que poden recoller á nena ou neno, o xustificante de ingreso da cota da matrícula e outras autorizacións que se inclúen no documento que se pode descargar picando na ligazón que hai ao pé desta información.

Unha vez que se teñan todas as follas cubertas e se conte co resgardo do pagamento bancario, as familias deben acudir á EIM para que alí lles cotexen que toda a documentación está completa e debidamente cumprimentada. Feito isto, as familias poderán rexistrala no Concello. Un trámite que, insistimos,  se ten que facer dentro dos 15 días naturais trala recepción da carta onde se comunica a admisión da nena ou neno.

Se transcorrido ese prazo hai familias que desisten na súa petición ou que non formalizasen a matrícula, o Concello comunicaralle a quen estea en lista de agarda a posibilidade de contar con praza. Desde Igualdade tamén recordan que as familias poden solicitar en calquera momento as vacantes que hai dispoñibles arestora nas unidades de 0 a 1 ano e de 1 a 2.

Folla de matrícula e outros documentos (.pdf)

 

Share.