A xornada electoral deste domingo en San Sadurniño deixa pouco máis titular que o xa coñecido e requetepublicado polos medios de ámbito comarcal, galego e estatal. O PP sofre un importante descenso, soben o PSOE e o BNG e Vox entra de maneira reseñable nas preferencias dunha parte do noso electorado. Ás urnas estaban chamadas 2.514 persoas, segundo o último censo, das que votaron 1.709, é dicir, o 67,98%, un chisco porcentual máis que en 2016, cando o fixeran 1.758 -o 67,33%-, sobre un censo de 2.611 electores e electoras. O día transcorreu sen incidencias, máis aló dos imprevistos á hora de constituír a mesa de Santa Mariña do Monte, onde non se presentou o vogal designado nin tampouco había nome para substituílo, de xeito que o rol o asumiu a suplencia da presidencia.
A comparativa con respecto aos comicios de hai tres anos dá unha perspectiva do cambio que se produciu este 28A que nós, cos datos dispoñibles, podemos analizar baixando incluso ao nivel dos resultados por mesas. En termos xerais obtemos que o PP foi o partido máis votado con 513 votos -30,48%-, o que lle supón perder 219 votos con respecto a 2016. Os populares ganaron en tres das sete mesas, entre as que destaca o resultado de Santa Mariña onde, malia todo, tamén baixaron 31 votos mentres que o resto de forzas ou aguantaron ou melloraron resultados.
O “pinchazo” vivido polo PP a nivel estatal tradúcese en San Sadurniño cunha baixa xeralizada en todas as mesas e, seguindo a tendencia estatal e galega, cun incremento de apoios para o PSOE. Esta forza colleitou 459 votos, 125 máis que hai tres anos. Por unha estreita marxe os socialistas venceron na mesa de San Sadurniño -148 votos fronte aos 140 do PP-, así como nas de Ferreira e Naraío, aínda que neste último caso a segunda opción máis votada foi o BNG.
O Bloque tamén sobe en todas as mesas con respecto a 2016. Os seus 313 votos supóñenlle medrar en 99 sufraxios e, polo tanto, converterse na opción cun maior crecemento porcentual do seu electorado en relación coas anteriores xerais, cando a candidatura BNG Asembleas Abertas quedara relegada ao cuarto posto superada pola confluencia de Podemos e as mareas. O BNG venceu na mesa de Igrexafeita e en Naraío sacou practicamente os mesmos votos (77) que na capital municipal (78).
A cuarta forza máis votada en San Sadurniño pasa ser nestas xerais En común Unidas Podemos que, xa sen a compoñente nacionalista de En Marea, obtivo aquí 168 votos, 106 menos que en 2016. Case a metade dos seus sufraxios concentráronse na mesa do CPI (80 votos).
Quen se mantén nunha cifra case idéntica é Ciudadanos, que só baixa un voto dos 117 que colleitara hai tres anos. A nota sorpresiva dos comicios, pola contra, deuna VOX. En Galicia o seu impacto foi menor que no resto do Estado e tamén inferior ao que anunciaban algunhas enquisas. Porén, trátase dunha opción política que entra no parlamento e que aquí tamén tivo apoios, 70 para falarmos con exactitude: 30 en San Sadurniño, 15 en Lamas, 12 en Bardaos e os outros 13 repartidos entre Naraío, Santa Mariña, Ferreira e Igrexafeita.
Na seguinte táboa, con datos xa definitivos, poden compararse os resultados por partidos e por mesas. O 26 de maio, máis comparativas.
ELECCIÓNS 2019
Censo: 2.514 | Votos contabilizados: 1.709 (67,98%) | Abst: 805 (32,02%) | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Mesa |
PP | PSOE | BNG | UNIDAS PODEMOS | CIUDADANOS | VOX |
Outros/bran./nul. |
S.Sadurniño | 140 | 148 | 78 | 80 | 54 | 30 | |
Naraío | 57 | 92 | 77 | 24 | 15 | 4 | |
Ferreira | 42 | 48 | 30 | 14 | 10 | 3 | |
Lamas | 77 | 73 | 29 | 18 | 17 | 15 | |
Santa Mariña | 104 | 38 | 16 | 13 | 6 | 3 | |
Igrexafeita | 31 | 40 | 46 | 7 | 2 | 3 | |
Bardaos | 62 | 20 | 37 | 12 | 12 | 12 | |
Votos totais: | 513(30,48%) | 459(27,27%) | 313(18,6%) | 168(9,98%) | 116 (6,89%) | 70(4,16%) | 70 |
ELECCIÓNS 2016
Censo: | 2.611 | Votos contabilizados: | 1.758 (67,33%) | Abst: | 859 (32,89%) | |
---|---|---|---|---|---|---|
Mesa | PP | PSOE | EN MAREA-PODEMOS | BNG-Nós C.G. | Ciudadanos | Outros |
S.Sadurniño | 217 | 102 | 123 | 47 | 38 | 17 |
Naraío | 94 | 60 | 46 | 54 | 30 | 11 |
Ferreira | 53 | 39 | 16 | 19 | 11 | – |
Lamas | 120 | 56 | 37 | 23 | 20 | 7 |
Santa Mariña | 135 | 36 | 14 | 14 | 3 | 4 |
Igrexafeita | 54 | 22 | 26 | 38 | 4 | – |
Bardaos | 89 | 19 | 12 | 19 | 11 | 7 |
Votos totais: | 762 (43,82%) | 334 (19,21 %) | 274 (15,76%) | 214 (12,31%) | 117 (6,73%) | 42 (prov.) |