O pleno tratará este serán a modificación do IAE e a achega municipal ao Centro de Día

0

Dous son os asuntos que compoñen a orde do día dun pleno extraordinario convocado para a tarde deste martes ás 19.30h.  O primeiro deles é a aprobación dunha modificación de crédito co obxectivo de habilitar dúas partidas económicas, unha dirixida a cofinanciar o mantemento do Centro de Día e outra para a remodelación das bancadas do pavillón municipal. A segunda cuestión que se deliberará será a da modificación da ordenanza reguladora do Imposto de Actividades Económicas de cara a actualizala e, de paso, introducir rebaixas no coeficiente de situación para as empresas da categoría 1ª, é dicir, as radicadas na zona industrial da Bidueda e no Monte Forgoselo.

O IAE é un imposto municipal polo que só tributan aquelas empresas cunha cifra de negocio superior ao millón de euros. A ordenanza que o regula modificouse hai unha década e agora o consistorio propón volvela cambiar para adaptar o seu articulado ás circunstancias actuais. Un dos apartados que configuran o imposto é o denominado coeficiente de situación dependendo do lugar onde se encontre a sede física da empresa que o Concello tiña fixado nun 1,4 para as ubicadas en vías de categoría primeira e nun 1 para o resto.

As empresas de maior tamaño do municipio -todas as da Bidueda e tamén o parque eólico- están encadradas historicamente en emprazamentos da categoría primeira e, coa modificación da ordenanza, o que se fai é rebaixarlles o coeficiente do 1,4 ao 1,1. A medida persegue reducirlles a carga fiscal de cara a “favorecer a localización de novas empresas ou a ampliación das xa existentes”.

A outra cuestión que se debaterá esta tarde é a relativa a unha modificación de créditos -un cambio no orzamento- para acomodar un importe global de 57.350,90 euros. Desta contía, 42.500 euros dedicaranse ao pagamento das dúas primeiras liquidacións efectuadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en concepto de cofinanciamento do Centro de Día. Os outros 14.350€ resérvanse para un proxecto de mellora das bancadas principais do pavillón municipal, onde se instalarán asentos individuais, ademais de facer unha obra que incremente o espazo entre as tres filas existentes.

A modificación do orzamento para o cofinanciamento do Centro de Día e para este novo proxecto no pavillón levarase adiante con cargo ao remanente de tesouraría para gastos xerais, que ascende a algo máis dun millón de euros.

Os orzamentos, a mediados de decembro
A celebración deste pleno extraordinario levou ao goberno local a retrasar media hora o comezo da asemblea do orzamento participativo de San Sadurniño, que terá lugar na Casa da Xuventude hoxe a partir das 20.30h. A rolda de contactos coa veciñanza comezou este luns en Naraío e, ademais de colleitar propostas de cara ao ano que vén, o executivo tamén adiantou o borrador das contas de 2019.

Segundo o edil responsable de Facenda, Suso Soto, o orzamento andará nos 3.050.000 euros, o que supón un incremento de arredor de 200.000 euros con respecto ao deste ano. Unha cifra que aínda podería aumentar ao longo do exercicio por medio de modificacións puntuais sostidas con achegas doutras administracións ou con recursos propios para o desenvolvemento de proxectos concretos, tal e como xa ocorreu en 2018.

En calquera caso, na xuntanza indicouse que as contas poderían ir a pleno a mediados do mes que entra.

Share.