Atopado o corpo sen vida de Ramiro Vega

0

Unha das cuadrillas de voluntarios que participaba na busca de Ramiro Vega Díaz atopou esta tarde o corpo sen vida do ancián. Foi pouco despois das 18.00h. preto da ponte do Cando, situada a escasos 2,5 quilómetros do lugar da Casatellada -Igrexafeita-, de onde Ramiro saiu na mañá do domingo desaparecendo sen deixar practicamente pistas sobre o seu paradoiro. As dúas máis fiables, a dun cazador que seica se cruzou con el ás 12.00h. dese mesmo día, e, por outra banda, o testemuño dun veciño da Toca que asegurou telo visto camiñando preto da igrexa deste lugar de Recemel. Estes dous datos marcaron catro xornadas de intensa busca e de mobilización de medios que hoxe rematan cun fatal desenlace que, ao tempo, tamén supón a fin de horas de incertidume e de tensión para a familia. 

A xornada de rastrexo comezou sobre as 9 da mañá despregando un dispositivo próximo a un cento de persoas, entre voluntarios, Garda Civil, agrupacións de Protección Civil e equipos caninos. De novo volveu buscarse pola Toca, a Penadeiriz e incluso Espiñaredo, mentres se retomaba a pescuda na fraga de Igrexafeita, nas canteiras do Castro e do Capelo, en parte de Ferreira,  no Forgoselo, no sendeiro do Castro ata o castelo de Naraío e na zona de forte pendente dos Carboados.  Ducias de persoas a cabalo, en motos e en todoterreos bateron o val do Castro sen obter resultado algún.

Namentras, achegados do desaparecido e o experto en natureza e rastrexo Andrés Toxeiro, bo coñecedor da zona, saíron da Casatellada guiados pola cadela do ancián, que os levou desde alí ata a Toca pola AC-861 reproducindo na última parte do traxecto o mesmo percorrido relatado pola persoa que asegurou telo visto ao pé da igrexa.

O animal detívose na zona dos Tembrás e, xa sexa polo cansancio ou polo estrés, non continuou uliscando o terreo nin tirando polos voluntarios que ían tras del. O lugar está uns 700 metros de onde finalmente aparecería o seu dono. Unha área de monte e maleza certamente mesta e de acceso complicado que foi sobrevoada sen éxito polo helicóptero da Garda Civil e polos drons da AXEGA.

Ao non dar resultados concluíntes a opción canina -xa preto das 13.00h.- a Garda Civil e Protección Civil optaron por convocar para a tarde o dispositivo e levar o groso do voluntariado a Espiñaredo e ao contorno do lago das Pontes, mantendo en todo momento a recomendación de que se seguise peneirando o entorno da Casatellada e as zonas de fraga que o ancián coñecía coma a palma da man.

Finalmente foi esta opción a que conseguiu atopar a Ramiro uns metros máis arriba da ponte que salva o río Castro no lugar do Cando. Tres voluntarios de Igrexafeita -un deles sobriño seu- que, ao igual que el, tamén dominan o terreo, adentráronse na espesura cando baixaban de inspeccionar o lugar do Castro. No sitio por onde entraron, o curso fluvial  é pouco menos que un regato flanqueado por monte e cuberto en ambas marxes por salgueiros, fieitos, silvas e toxos. A “casualidade”, como eles mesmos aseguraron, quixo que primeiro visen o  sombreiro do ancián e mailo paraugas que portaba cando marchou da casa e, algo máis abaixo, pouco despois das 18.00h., o seu cadáver. De inmediato deron aviso á Garda Civil que se personou no lugar en cuestión de minutos.

Entre a Casatellada e o punto do achado hai algo máis de 2,5 quilómetros de distancia, aínda que, de momento, non pode desbotarse a posibilidade de que o home dese máis volta, indo primeiro ata a Toca, baixando logo aos Tembrás e desde alí  ao lugar onde se descubriu o seu corpo sen vida. Como queira que for, esta  hipótese verase refrendada ou non cando a autopsia determine a hora aproximada da morte.

Pasadas as 20.00h. ata o lugar desprazouse o forense de garda de Ferrol quen, tras inspeccionar o lugar, autorizou o levantamento do cadáver. O corpo sen vida foi trasladado sobre as 21.30h. ao Hospital Naval, onde este xoves a primeira hora da mañá lle será realizada a autopsia.

Acaban desta maneira catro días de tensión e incertidume para unha familia que xa tiña asumidas as escasas posibilidades de atopar con vida ao patriarca da casa  despois de tanto tempo. A escasos metros de onde foi atopado, os seus fillos e netos reiteraron o agradecemento para todas as persoas que participaron no dispositivo de busca. Un agradecemento ao que se suma o Concello, desde onde tamén se lle quere trasladar un sentido pésame á familia.

Ramiro Vega tiña 81 anos, estaba casado e tiña dous fillos e unha filla, ademais de tres netos e cinco bisnetos. A súa morte e a propia busca dos catro últimos días causaron grande conmoción na parroquia de Igrexafeita, onde era moi apreciado polo seu carácter afable e falangueiro.

Share.