Ás 23.59h. deste mércores 23 de maio finalizará o prazo para inscribirse na V Carreira Popular Concello de San Sadurniño que terá lugar no contorno do paseo fluvial na mañá do domingo. A falta de escasas horas para que se cumpra o prazo, a web www.emesports.es recolleu xa 650 peticións, a maioría delas nas categorías que correrán os 5 quilómetros. O evento, organizado polo Concello en colaboración co CPI, presentarase esta tarde na Casa da Cultura cunha charla dirixida ao alumnado do centro que contará coa presenza da internacional e varias veces campioa estatal Paula Mayobre e do tres veces olímpico Alejandro Gómez.
A presentación está concibida como unha charla arredor do deporte na que ambas figuras do atletismo galego falarán da súa traxectoria, ao tempo que animarán á rapazada a iniciarse nun deporte apaixoante que arrastra a practicamente todo o centro escolar con motivo da carreira popular.
No momento de escribir estas liñas a proba vai xa polas 650 inscricións, 457 para a carreira de 5.000 m., e o resto para os trazados de entre 70 e 1.000 m. que se correrán sen saír do arboreto de especies autóctonas da Cortiña. A saída da primeira carreira darase ás 11.15 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2006, 2007 e 2008-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Quince minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2004/2005 e 2001/2002/2003- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.
Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.30 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2009 e 2010- e para as 12.40h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2011/2012. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 12.50h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2013 e 2014- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.
A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.
O evento deportivo é puntuable para o VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade en colaboración co CPI de San Sadurniño e a Federación Galega de Atletismo. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe a Deputación da Coruña, Navantia, O Padroado de Deportes de Narón, o Concello de Narón, o Concello de Ferrol, a empresa SEDEGA, DECATHLON e o Club Castro de Lobadiz, xunto con máis dunha vintena de firmas comerciais, na súa maioría de San Sadurniño.
Horarios das carreiras e número de inscricións até o momento
Categoría | Prezo da inscrición | Anos de nacemento | Distancia | Hora de saída | Nº Inscricións |
---|---|---|---|---|---|
Biberóns | Gratis | 2013-2014 | 70 m | 12:50 | 49 |
Pitufos | Gratis | 2011-2012 | 220 m | 12:40 | 71 |
Benxamín | Gratis | 2009-2010 | 400 m | 12:30 | 38 |
Alevín | Gratis | 2007-2008 | 1000 m | 11:15 | 27 |
Cadete | Gratis | 2003-2004 | 5 km | 11:30 | 46 |
Xuvenil | Gratis | 2001-2002 | 5 km | 11:30 | 52 |
Junior | 3,00 € | 1999-2000 | 5 km | 11:30 | 2 |
Sub 23 | 3,00 € | 1996-1998 | 5 km | 11:30 | 5 |
Senior | 3,00 € | 1984-1995 | 5 km | 11:30 | 74 |
Veteráns A | 3,00 € | 1978-1983 | 5 km | 11:30 | 63 |
Veteráns C | 3,00 € | 1959-1968 | 5 km | 11:30 | 49 |
Veteráns D | 3,00 € | Anteriores-1958 | 5 km | 11:30 | 20 |
Infantil A | Gratis | 2006-2006 | 1000 m | 11:15 | 7 |
Infantil B | Gratis | 2005-2005 | 5 km | 11:30 | 26 |
Veteráns B | 3,00 € | 1969-1977 | 5 km | 11:30 | 120 |
Plano da carreira de 5km.