Lamas e Igrexafeita celebran este sábado cadanseu magosto

0

A axenda do outono en San Sadurniño ten este sábado a folla riscada en vermello cos magostos que se van celebrar en Lamas e Igrexafeita. Coa escusa das castañas, a veciñanza xuntarase nos locais sociais destas dúas parroquias para, obviamente, comer este froito, pero tamén para papar outras viandas, para parolar e pasalo ben cos espectáculos que as entidades organizadoras, Xuntanza de Lamas e Adiante de Igrexafeita, teñen preparados coa colaboración do Concello. Malia que o prazo para anotarse expirou onte, quen queira ir a calquera dos dous lados -ou aos dous- pode contactar cos teléfonos facilitados para ver se lles queda algún oco libre.

Xuntanza de Lamas preparou un magosto que arrancará ao mediodía no local do Chao cun xantar a base de callos, castañas, sobremesa e bebidas. O prezo é de 22 euros para as persoas socias e de 27 para as non socias, mentres que as nenas e nenos menores de 10 anos poderán asistir de balde. A sobremesa musical correrá a cargo da Corral Polifónica do Aturuxo de Melpómene, que ofrecerá as súas coñecidas versións galeguizadas e cargadas de retranca de grandes éxitos da música internacional.

En Igrexafeita, a asociación veciñal Adiante tamén se reunirá no local social da parroquia (no lugar da Torre), para gozar dunha programación que comezará ás 18:30 horas coa proxección de Antes de nós, dentro do Ciclo Mestre Mateo que promove a Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de San Sadurniño. Ao rematar haberá un obradoiro de colares con zonchos e outras manualidades tradicionais dirixido á rapazada.

Unha vez que finalice o obradoiro, a iso das 20:00 horas, o Mago Charlangas ofrecerá o espectáculo de ilusionismo Atemporal. Sobre as 21:30 horas servirase a cea, que incluirá caldo, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa. O menú terá un prezo de 5 euros para as persoas socias e de 10 para as non socias.

Aínda que o prazo para anotarse rematou este mércores, as persoas que queiran participar nalgunha das dúas celebracións aínda poden probar a chamar aos teléfonos facilitados por cada asociación veciñal por se quedase algunha praza dispoñible. En Lamas, os números de contacto son o 618 838 760 e o 664 203 738. En Igrexafeita, pódese consultar nos teléfonos 696 912 975 e 650 484 580. Seguro que aínda hai algunha posibilidade de sumarse á festa.

Ademais destas dúas citas, o sábado tamén temos no local social de Naraío o primeiro xantar organizado pola comisión de festas do San Roque 2027. Hai máis dun mes que penduraron o cartel de “completo”, pero quen queira pode ir botar uns bailes á tardiña coa música de Lucía Fraguela.

Na mesma están en Bardaos, onde a comisión de festas saínte pecha o ano festivo este sábado cunha churrascada que terá tardeo musical con All Stars e verbena á noite coa orquestra Triunfo.

Share.