Bonos Activa Comercio

0

A Xunta de Galicia pon en marcha a segunda edición de 2026 do programa Bonos Activa Comercio, unha iniciativa que busca apoiar o comercio local mediante descontos nas compras. As persoas maiores de idade e residentes en Galicia poden solicitar os bonos a través da web oficial do programa e utilizalos nos establecementos comerciais adheridos.

Cada persoa poderá obter descontos en función do importe da compra, coas seguintes contías:

  • 5 euros en compras de 20 euros ou máis e inferiores a 30 euros.
  • 10 euros en compras de 30 euros ou máis e inferiores a 50 euros.
  • 15 euros en compras de 50 euros ou máis.

Os importes inclúen o IVE e os descontos aplicaranse nas compras de bens nos comercios retallistas adheridos ao programa. Tamén se poderán utilizar nos servizos de salóns de peiteado e institutos de beleza que participen na iniciativa.

Como solicitar os bonos?

Para obter os bonos cómpre rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal, achegando os datos persoais solicitados: nome e apelidos, DNI ou NIE, código postal de residencia, teléfono móbil e correo electrónico, ademais de confirmar que se é maior de idade.

Os bonos estarán dispoñibles en formato dixital, mediante un código QR, e poderán gardarse nunha aplicación móbil de pagamento, como Wallet ou outra similar. Quen o prefira tamén poderá tramitar a solicitude presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou nos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Os descontos poderán utilizarse ata que se esgote o orzamento de 2,5 millóns de euros destinado a esta edición do programa.

Máis información: Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do 27 de outubro de 2026.

Share.