O Concello de San Sadurniño celebrará este xoves 29 de outubro, ás 19:30 horas, un pleno extraordinario con dous asuntos principais na orde do día. O primeiro (despois da votación da acta da sesión anterior) será a aprobación dunha modificación de crédito financiada con remanentes líquidos de tesouraría para sufragar as obras de acondicionamento executadas no pavillón municipal, por importe de 47.058,17 euros. O segundo asunto terá tamén unha importante compoñente económica, xa que se votará a participación municipal na primeira fase do POS+ Adicional 4/2026 da Deputación da Coruña, que lle asigna ao municipio 209.128,04 euros para financiar gasto corrente e investimentos.
O novo plan adicional da Deputación permitirá ao Concello destinar nesta primeira fase 100.000 euros ao financiamento de gasto corrente. Esta cantidade servirá para cubrir parte dos gastos ordinarios de funcionamento dos servizos municipais, como os recibos da electricidade, os combustibles e outros consumos necesarios para a actividade diaria do consistorio.
A participación municipal no POS+ Adicional 4/2026 completarase cunha segunda fase, que tamén deberá aprobarse en pleno antes de que remate o ano. Nela concretarase o destino dos 109.128,04 euros restantes, que poderán dedicarse a obras e investimentos financeiramente sostibles. Todo apunta a que o Concello empregará os fondos en obras de equipamento que se definirán proximamente para cumprir o prazo de aprobación plenaria antes do 30 de decembro.
O Pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado 14 de outubro a modificación das bases reguladoras do POS+ 2026 para incorporar este cuarto plan adicional, dotado con 25 millóns de euros e distribuído entre os 93 concellos da provincia segundo os criterios de reparto establecidos no plan provincial.
Os fondos poden destinarse a gasto corrente, á redución da débeda municipal coa Deputación ou a investimentos financeiramente sostibles. A convocatoria tramítase en dúas fases para diferenciar a solicitude dos recursos destinados a gasto corrente da correspondente aos investimentos.
O alcalde, Secundino García Casal, destaca o feito de que este ano a Deputación xa puxese en marcha catro plans adicionais, liberando “unha importante cantidade de recursos económicos moi necesarios para os municipios”. García Casal reivindica o modelo de financiamento provincial porque “permite repartir os fondos entre os concellos con criterios obxectivos e de maneira equitativa, sen depender de decisións discrecionais”.
A este respecto, o rexedor engade, ademais, que os concellos tamén teñen maior autonomía para definir o destino dos fondos: “Os concellos somos quen mellor coñecemos as necesidades da nosa veciñanza. Ter autonomía para decidir onde destinamos os recursos permítenos adaptar os investimentos e o financiamento dos servizos á realidade. Nese sentido, a maneira de facer da Deputación é un modelo que deberían seguir outras Administracións”.
A sesión extraordinaria comezará ás 19:30 horas deste xoves 29 de outubro e poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do Concello de San Sadurniño.