San Sadurniño participa de novo en Vilas en Flor co obxectivo de chegar ás catro distincións de honra

0

O xurado de Vilas en Flor visitou esta mañá San Sadurniño para avaliar a candidatura presentada polo Concello nesta edición do certame, que recoñece o coidado dos espazos verdes, a súa integración na trama urbana e as políticas municipais de sustentabilidade. Ana Giraut e Francisco González, responsables do mantemento de parques e xardíns dos concellos da Coruña e Ferrol, respectivamente, foron os enviados este ano pola organización para avaliar os distintos aspectos presentados polo Concello na súa candidatura, na que destacan os novos equipamentos da Cortiña e dos xardíns municipais, ademais de reiterar a aposta municipal polos produtos de proximidade. 

A xornada comezou no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, un proxecto promovido orixinalmente polos concellos de San Sadurniño e Moeche para facilitar a elaboración e transformación de produtos locais. A instalación forma parte das iniciativas municipais relacionadas co sector primario e coa promoción dun modelo de proximidade que aproveite excedentes e que axude a recuperar, polo menos en parte, a soberanía alimentaria da zona. Un obxectivo que conecta directamente coas políticas que tamén se están impulsando desde o Xeoparque Cabo Ortegal, a través da creación da marca de calidade KB0 que distingue, principalmente, a produción agroalimentaria local.

Vindo de Moeche, o xurado desviouse cara á piscina municipal, onde recentemente se renovou o vaso para mellorar as instalacións e favorecer unha xestión máis eficiente da auga. A actuación forma parte das melloras realizadas na zona de lecer dos Corrás e está relacionada cun dos aspectos que se teñen en conta na valoración de Vilas en Flor: o uso responsable dos recursos hídricos.

Os xardíns do Pazo da Marquesa foron outra das paradas da visita. Neste espazo tamén se levaron a cabo varias actuacións nos últimos meses,  entre elas a recuperación do estanque e a instalación dun novo parque infantil que vén incrementar as posibilidades de uso público do recinto, auténtico xardín botánico de grande valor ambiental, histórico e social.

No seu tramo final, o percorrido do xurado chegou á finca da Cortiña, onde se fixeron varias melloras financiadas, igual que as dos xardíns, con fondos europeos NextGenerationEU. Aquí o proxecto centrouse na renovación da Fraga Máxica, a creación dun pequeno bosque comestible -con froitos e herbas aromáticas-, a ampliación da área para autocaravanas, a instalación dun novo almacén refrixerado para a froita na Horta de conservación Carlos Fornos -alimentado con paneis solares- ou a nova caseta polivalente instalada preto do colmear, que tamén funcionará como caseta de apiterapia e como espazo divulgativo.

A candidatura presentada este ano polo Concello ao certame Vilas en Flor recolle tamén outras intervencións, como o inventario da flora dos terreos municipais elaborado recentemente polo biólogo Álvaro Barros, que permitiu identificar 75 especies vexetais e 893 plantas en máis de 4,5 hectáreas de espazo público. Na memoria remitida a Vilas en Flor, o Concello tamén destaca o proxecto de renovación da iluminación pública con tecnoloxía LED, que continúa neste 2026 coa substitución de luminarias e a incorporación de sistemas de regulación e telexestión destinados a reducir o consumo eléctrico.

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, explicou que Vilas en Flor non valora unicamente as zonas verdes e a súa integración no tecido urbano, senón tamén as políticas relacionadas coa sustentabilidade. “En San Sadurniño levamos anos traballando nos espazos verdes, pero a candidatura tamén recolle outras medidas, como o aforro enerxético, a xestión eficiente da auga ou o aproveitamento de recursos de grande potencial como a froita e o mel”, sinalou. Varela asgurou  que o Concello “conta con moitos argumentos” para conseguir este ano a cuarta Flor de Honra, unha decisión que se coñecerá dentro dunhas semanas.

Vilas en Flor é un movemento paisaxístico de ámbito internacional que en Galicia está promovido pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). O certame recoñece as iniciativas municipais relacionadas coa mellora e conservación dos espazos verdes, a paisaxe urbana e a sustentabilidade. San Sadurniño leva cinco anos entre os concellos galegos con máis recoñecementos, aínda que aspira a entrar no rexclusivo club das catro Flores, do que forman parte neste momento Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño. O máximo galardón son cinco Flores de Honra, algo que en Galicia aínda non logrou ningún municipio.

Share.