O Concello rematará 2026 con máis de 100 hectáreas rozadas con financiamento autonómico, estatal e europeo

0

O Concello de San Sadurniño programou durante eeste ano actuacións de desbroce en 203 camiños de distintas parroquias, cunha lonxitude total de algo máis de 210.000 metros liñais ou, dito doutro xeito, 105 quilómetros de pistas por ambos lados. En conxunto, suporán a roza de arredor de 105 hectáreas de superficie, tanto con medios propios como a través de contratación externa. Estas accións enmárcanse no convenio asinado coa Consellería do Medio Rural para os anos 2025-2026, cofinanciado polo Ministerio de Agricultura con recursos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

O acordo entre o Concello e a Consellería establece a colaboración institucional para desenvolver tarefas preventivas de defensa contra os incendios forestais. O documento asinouse no mes de abril do ano pasado e abrangue os exercicios de 2025 e 2026, garantindo financiamento compartido para realizar traballos de limpeza e mantemento da rede viaria municipal, unha das medidas máis efectivas para reducir o risco de propagación do lume no territorio.

Durante este ano 2026 planificáronse rozas en catro zonas principais: Bardaos e Lamas, con 66.720 metros lineais; Santa Mariña e San Sadurniño, con 55.450 metros; Ferreira, con 47.760; e Naraío-Igrexafeita, con 40.085 metros lineais. En total suman 203 camiños, que equivalen a 210 quilómetros de lonxitude sumando ambas marxes. A superficie que se rozará, calculada a razón de 2,5 metros por cada lado, ascende a 1.050.075 metros cadrados, é dicir, 105 hectáreas.

Para levar a cabo este plan, xa en marcha, o Concello está combinando os traballos con medios propios coa contratación dunha parte do servizo. Así, licitouse coa empresa Iván Tembrás SLU o desbroce de 37,5 hectáreas —equivalentes a 75 quilómetros de camiños— cun importe de 34.100,00€. O resto das superficies están sendo atendidas polo persoal municipal.

Estas intervencións enmárcanse na estratexia de prevención de lumes que aposta por manter limpos os accesos ás parroquias e mellorar a seguridade da veciñanza. Ademais de cumprir cos obxectivos do convenio, o programa contribúe a garantir mellores condicións de uso da rede viaria, facilitando tamén a mobilidade diaria e a accesibilidade en caso de emerxencias.

Captura de pantalla 2025-09-24 092259

Share.