San Sadurniño, igual que outros concellos da provincia, solicita ao longo do ano as distintas convocatorias que se lanzan desde a Deputación da Coruña para o financiamento dos custes do persoal en distintos departamentos, como pode ser Cultura, Igualdade ou na área de Servizos Sociais, na que se integra persoal de atención e administrativo. Para este apartado, que o Executivo local cualifica como “fundamental”, o ente provincial achega neste 2025 un total de 54.000 euros.
A colaboración da Deputación encádrase na liña de subvencións para concellos de cara a apoiar os seus Servizos Comunitarios. Neste sentido, os 54.000 euros de subvención distribúense do seguinte xeito: 18.000 euros para o financiamento de postos de administración, outros 22.000 referidos ao persoal técnico de categoría A2 -a Educadora Familiar-, e 14.000 euros de cofinanciamento dos salarios das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.
A responsable da área de Benestar, Mari Carme Muíño, destaca “a importante contribución” provincial ao sostemento de servizos “fundamentais para a veciñanza”. Muíño engadiu que a Deputación tamén contribúe no ámbito social “con programas como o PEL para a contratación de persoas desempregadas, ademais da subvención do contrato da Axente de Igualdade”.
A concelleira avanza que de cara a este ano tamén hai a previsión de convocar un novo Plan Adicional do Plan Único de Concellos, o coñecido como “POS Social”, “cunha cifra que podería estar entre os 50.000 ou os 60.000 euros tamén destinada a reforzar servizos sociocomunitarios, entre eles a atención á Dependencia ou o desenvolvemento de programas como o de envellecemento activo”. O importe final desta nova inxección económica coñecerase, previsiblemente, antes do verán.