A área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño continúa desenvolvendo durante todo o mes de marzo a programación especial arredor do 8M, Día Internacional da Muller, que este ano ten como fío condutor o papel das mulleres nas artes. As próximas citas terán lugar na Biblioteca Municipal e na Casa da Cultura, cunha exposición de libros sobre igualdade e cunha nova edición da Pixamada en Igualdade con Brío, dirixida á rapazada. Nesta última proposta, organizada en colaboración con Brío, proxectarase a película “Elemental”. Será o venres a partir das 18:30h e as familias poden inscribir as súas nenas e nenos contactando coa asociación cultural ou coa Axente de Igualdade no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no teléfono/whatsapp 673 903 922.
Durante todo o mes de marzo poderá visitarse na Biblioteca Municipal unha exposición bibliográfica relacionada coa igualdade. A escolma, feita con fondos do propio servizo, pretende ofrecer materiais de lectura que conviden á reflexión e á sensibilización arredor do papel das mulleres na historia, na cultura e na sociedade, ao tempo que visibiliza autoras e obras que abordan estas cuestións desde diferentes perspectivas.
A iniciativa complétase coa actividade do club de lectura de San Sadurniño, que neste período lerá e debaterá a obra “Hasta que empieza a brillar”, de Andrés Neuman. O libro céntrase na vida de María Moliner, bibliotecaria e autora do coñecido Diccionario de uso del español, e permitirá analizar as dificultades que tivo que afrontar polo feito de ser muller, así como a falta de recoñecemento institucional ao seu traballo. No mes de abril, a Axente de Igualdade participará tamén na posta en común da lectura para profundar na reflexión colectiva arredor destas cuestións.
Outra das citas máis inmediatas será a II Pixamada en Igualdade con Brío, que terá lugar na Casa da Cultura este venres, 13 de marzo, ás 18:30 horas. A actividade está pensada para o público infantil e incluirá a proxección da película “Elemental”, unha historia ambientada nunha cidade habitada por seres de lume, auga, terra e aire, que aborda cuestións como a diversidade, a amizade entre persoas diferentes e a importancia de desafiar as normas sociais para perseguir os propios soños a través da protagonista Candela.
Ademais de gozar do filme, as crianzas terán flocos de millo e participarán ao remate nun pequeno faladoiro dinamizado pola Axente de Igualdade, no que se comentarán os valores presentes na historia e se reflexionará sobre os referentes femininos no ámbito artístico. Con esta proposta, á que se convida ir en pixama, o Concello busca traballar coa infancia distintos conceptos relacionados coa igualdade, fomentando a educación en valores desde idades temperás.
Para participar na pixamada, que é gratuíta, hai que apuntarse contactando con Brío ou ben co departamento de Igualdade mandando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou un Whatsapp ao 673 903 922.