Todo preparado, outro ano máis, para que San Sadurniño sexa capital do noso audiovisual. Será este sábado 7 de marzo, a partir das 17:30 horas, na Casa da Cultura, lugar onde vai celebrarse a gala de estrea das curtametraxes realizadas no X Chanfaina lab. No acto, conducido pola actriz Isabel Blanco Picallo —coñecida pola serie Mareas vivas e polo filme Un Franco, 14 pesetas, entre outros— xunto con Kevin Lorenzo, poderanse ver por primeira vez as pezas rodadas durante a primeira fin de semana de setembro. 20 curtametraxes de distinta duración e temática que nesta ocasión se caracterizan por unha maior presenza da ficción que do experimental e documental e tamén polo uso da IA en varias das producións. Ademais, ao comezo da gala tamén se lle entregará o II Premio Bernardino de Lamas ao realizador José Roberto Fernández López. O evento é con entrada gratuíta ata completar a capacidade do auditorio municipal e agárdase que remate sobre as 20:45h, cun descanso dun cuarto de hora ás 19:30h.
A sesión comezará coa benvida institucional do alcalde, Secundino García Casal, e coa entrega do II Premio Bernardino de Lamas, un recoñecemento instituído polo Concello de San Sadurniño en 2025 para distinguir persoas vivas comprometidas co cinema non profesional. Nesta segunda edición o galardón recae no realizador José Roberto Fernández López (Villafranca del Bierzo, 1955), biólogo e profesor xubilado residente en Valdoviño desde 1984, cunha longa traxectoria vinculada ao cinema de natureza.
Logo subirán ao escenario todos os equipos participantes no encontro audiovisual, que irán presentando brevemente cadansúa peza con idea de que o pase propiamente dito poida comezar sobre as 18:30h.
A primeira parte incluirá dez títulos: Guión curta, de Bieito Beceiro; Consulta aberta, de Kevin Lorenzo; Rachar en dous, de Area Erina; Cando a historia cobra vida, de Milagros Bará; Gripe aviar, do colectivo Teño unha horta; Cóntame a túa historia, de Carlos Amil; A Gran Porta de Kiev, de Brandán Cerviño; O ourizo, de Abel Vega; Vacas nocturnas no Forgoselo, de Gala Rodríguez e Rocío Campoy; e Onde Cristo falou con Rosa, de Pablo Fontenla.
Despois dun breve descanso a iso das 19:30 horas, a sesión retomará ás 19:45 coa segunda quenda de proxeccións, na que se poderán ver outras dez pezas: Só a través doutros, de Gon Caride; Un segundo, de Ángela Arnosa; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; A derradeira, do colectivo A Ringueira; A pena do trabuco, de Cruz Piñón; Saudade: unha metáfora/descrición da viudez, de Anxo Pena; Mariela, de The Sungirls; O refuxio, de Fran da Lobeira; Unha persoa, un obxecto, de Iago Lourido; e Racamonde, de NaraioMedia. O remate das proxeccións está previsto arredor das 20:45 horas.
Como avance do que poderá ver o público, nesta décima edición -que tamén é o arranque da 11ª- destaca unha presenza maior de pezas que apostan pola ficción, aínda que seguen tendo relevancia os traballos de carácter experimental e documental. Ademais, entre as propostas presentadas tamén se percibe a irrupción da intelixencia artificial nos procesos creativos: nalgúns casos como tema que propón reflexionar sobre o seu papel na creación artística e noutros como ferramenta empregada para recrear escenas ou ambientes dentro das propias curtametraxes.
Tras a estrea na Casa da Cultura, as pezas iranse publicando de dúas en dúas cada venres na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño a partir do 27 de marzo, seguindo a mesma orde das proxeccións da gala, ao tempo que comezarán o seu percorrido por festivais e mostras audiovisuais de todo o mundo.
O Chanfaina lab é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño impulsada en 2014 polo profesor e académico Manolo González, con apoio veciñal e de colectivos do municipio. Ademais, o evento tamén conta con financiamento da Deputación da Coruña a través da súa Área de Cultura.