A Unidade Móbil do DNI vai vir por San Sadurniño o luns 9 de marzo para ofrecernos a posibilidade de renovar o carné de identidade, o pasaporte e incluso as claves de acceso do noso DNI electrónico, no caso de que queiramos cambialas ou non as lembremos. Este servizo que vén polo noso concello cada mes e medio ou dous meses é un dos que máis agradece a veciñanza, xa que aforra ter que ir ata Ferrol para actualizar unha documentación básica no día a día. A oficina sobre rodas da Policía estacionará, coma sempre, na praza Ramón Díaz Raña entre as 09:00 e as 11:00h e faranos os trámites no momento. Iso si, fai falla pedir cita previa chamando ao Concello -981 490 027-, onde tamén nos informarán sobre a opción de renovarlles os documentos na casa a persoas que non poidan desprazarse.
A renovación do carné de identidade é o trámite máis habitual na unidade móbil. Cómpre facelo no prazo máximo de tres meses antes da súa caducidade e fai falla presentar o DNI vello, unha foto recente tipo carné e os 12 euros da taxa de renovación en efectivo, posto que por agora a oficina non dispón de lector para pagar con tarxeta nin tampouco ofrece a opción do Bizum.
Para facerlle o primeiro carné a unha nena ou neno, fará falla achegar o certificado de nacemento e o volante de empadroamento, que deben solicitarse uns días antes no Concello, ademais da foto carné e os 12 euros en efectivo. Este importe é gratuíto no caso de familias numerosas, sempre que se achegue o xustificante correspondente. A rapazada terá que estar presente -non chega con que levemos só os papeis- na compaña da nai, pai ou persoa titora legal, para que a funcionaria ou funcionario da Policía verifiquen a súa identidade e poidan rexistrar a súa pegada dactilar.
Dentro dos trámites que se ofrecen na unidade móbil tamén é posible solicitar un duplicado do DNI por extravío ou roubo. Nestes casos hai que levar copia da denuncia presentada na Garda Civil ou na Policía. Non será necesario achegar foto nin pagar taxa, xa que o documento que se nos vai expedir non é novo, senón unha copia do anterior cos mesmos datos e a mesma vixencia.
En canto ao pasaporte, a renovación require presentar o documento caducado, unha foto carné e aboar a taxa correspondente, que neste caso é de 30 euros (tamén en efectivo).
No furgón da Policía Nacional tamén se poderá modificar ou recuperar o contrasinal do DNI electrónico, sen necesidade de cambiar o documento físico. Para facer este trámite non é necesario pedir cita previa.
Por último, o servizo móbil incluso ofrece a opción de renovar o DNI -físico e electrónico- no domicilio ou nun centro se se trata de persoas dependentes ou incapacitadas para desprazárense. As familias interesadas poden contactar co Concello para informarse dos requisitos e tramitar a solicitude. Hai que chamar ao 981 490 027 en horario de mañá, mesma vía de contacto para reservar cita previa.