Carme Romero Díaz regresa á galería do Concello con motivo do 8M

0

A Galería da Casa do Concello de San Sadurniño acollerá este serán a inauguración da exposición “Serea de cores”, da ceramista fenesa Carme Romero Díaz. A mostra poderá visitarse ata o 28 de marzo e constitúe o primeiro dos actos organizados pola área municipal de Igualdade co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres. Esta será a terceira colección de Romero Díaz que visita a galería, despois de traer “Meigas, sabias e mulleres boas” en 2022 e de compartir espazo hai uns meses coa tecedora Luisa da Silva con “Primixenias”, consolidando así unha estreita relación cultural con San Sadurniño. A exposición “Serea de cores”, xurdida da colaboración co seu amigo e mentor Francisco Pérez Porto, encádrase nunha programación do 8M dedicada por enteiro ás mulleres no mundo das artes. Un ciclo de actividades que rematará o día 28 en Lamas cun obradoiro de cerámica dirixido pola propia Carme.

A exposición “Serea de cores” nace dunha cantiga romance composta por Romero no ano 2013, na que unha serea relata a súa historia arredor do mal querer e das súas consecuencias. A partir desta creación literaria xorde unha proposta artística multidisciplinar formada pola acuarela que dá título á mostra e outras oito pezas que ilustran as cuartetas do romance, acompañadas por nove pinturas cerámicas realizadas por Romero Díaz nun diálogo creativo entre palabra, pintura e cerámica.

As ilustracións das acuarelas foron realizadas polo artista ferrolán Francisco Pérez Porto, amigo e colaborador da autora. Cunha ampla traxectoria ligada á cerámica tradicional e cunha colaboración de máis de dúas décadas con Sargadelos, Pérez Porto contribuíu ao desenvolvemento de numerosos monumentos e proxectos artísticos vinculados á tradición popular, ademais de dirixir seminarios internacionais e impulsar escolas municipais de cerámica en distintas localidades galegas.

A través de “Serea de cores”, Carme Romero Díaz pretende transmitir unha mensaxe clara: o amor debe sumar e nunca restar. A artista reivindica a educación como ferramenta esencial para construír persoas libres, empáticas e seguras, capaces de compartir felicidade desde a igualdade e o respecto. A súa obra sitúa ás mulleres no centro do relato artístico, cunha ollada feminina e feminista que aposta pola sororidade como eixo creativo e vital.

Romero Díaz leva vinculada ás artes desde moi nova, explorando disciplinas como a pintura, a música, a escrita ou a fotografía. Desde 1999, a cerámica converteuse nun dos seus principais medios de expresión, a través do que representa costumes e elementos da cultura galega desde unha perspectiva propia, comprometida coa visibilización das mulleres e co discurso social contemporáneo.

Inauguración este luns ás 19:30h
A apertura oficial da exposición, que se desenvolverá este luns a partir das 19:30h,  incluirá unha proposta musical especial a cargo de Candela Quintía Romero, filla da artista, quen ofrecerá un recital de zanfona e voz no que tamén participará a súa nai acompañándoa con voz e guitarra, creando así unha experiencia artística completa arredor da exposición.

Como peche da programación municipal do 8M, a ceramista impartirá ademais un obradoiro de iniciación á cerámica o sábado 28 de marzo, de 11:00 a 13:00 horas, no Local Social de Lamas, coa colaboración da AVV Xuntanza de Lamas.

A actividade permitirá ás persoas participantes iniciarse no traballo co barro creando esferas con caras de mulleres, inspiradas tanto en figuras importantes das súas vidas como en artistas ou referentes culturais. O obradoiro está dirixido a público xeral ata completar prazas. Fai falla inscribirse no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no teléfono/Whatsapp 673 903 922.

Share.