Aínda queda moita festa…

0

O carnaval en San Sadurniño aínda non dixo todo o que tiña que dicir. Este martes, Martes de Entroido, é festivo local no noso concello e seguramente haxa casas -cada vez menos, por desgraza- onde aínda celebren o día cun xantar contundente culminado con orellas e freixós na compaña de parentes e dalgunha que outra máscara espontánea que se sume á leria.  E aínda que o carnaval remate oficialmente o mércores -o xoves xa estaremos nos rigores da Coresma- este sábado 21 será unha xorna intensa en canto a troula. E é que Bardaos celebrará un cocido de Entroido con sesión vermú e tardeo, mentres que en Naraío haberá festa de máscaras para a rapazada e tamén baile nocturno. A Casa da Cultura completará a tarde co espectáculo de ciencia e humor “H2…Oh!” dos Ghazafelhos, pensado para todos os públicos. O calendario entroideiro pecharase o sábado 28 en Santa Mariña do Monte cun cocido e baile de disfraces con premios.

A primeira das citas deste sábado terá lugar en Bardaos, onde a Comisión de Festas Santa María e o San Pipote organiza un cocido de Entroido que se servirá ás 15:00h. O menú inclúe sopa, cocido completo, orellas, torta larpeira, bebida, café e un licor, cun prezo de 35€ para persoas adultas e maiores de 12 anos, 20€ para a rapazada de 6 a 11 anos e de balde para nenos e nenas menores de 6 anos.

A xornada en Bardaos non remata coa comida, xa que o programa tamén trae música trala sobremesa. A partir das 17:30h haberá e tardeo con entrada aberta animado polo dúo The Voice, formado por Santi Pulido e Néstor Peña, que tamén  botarán unhas “piezas” a xeito de sesión vermú mentres a xente vai chegando para xantar.

Para asistir ao cocido é preciso anotarse chamando aos teléfonos 618 903 612, 646 287 494, 626 457 182 ou 603 818 233. Aínda que o prazo para reservar rematou onte, aínda se pode probar sorte por se quedase algún sitio libre.

Tamén o sábado, pero xa pola tarde, a Asociación veciñal O Castelo de Narahío organiza unha festa de máscaras para a rapazada no local social da Veiga. A actividade comezará ás 17:30h e estará animada con música e xogos pola empresa Noliños As Pontes.

A programación cultural do día completarase ás 18:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño, que acollerá o espectáculo de Teatro Ghazafelhos “H2…Oh!”. Trátase dunha proposta chea de curiosidades científicas e humor baseada no libro homónimo de María Canosa, gañador do Premio Follas Novas 2021 á mellor publicación de divulgación. A obra está protagonizada pola propia autora como divulgadora científica e polo matrimonio Curie (Montse Piñón e Pepablo Patiño), combinando información ben curiosa, experimentos e a colaboración do público. A función, recomendada para nenas e nenos de 6 anos en diante, é con entrada gratuíta e os convites poden reservarse en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.

Xa pola noite, Naraío volverá ser escenario de festa coa entroidada organizada pola AVV O Castelo de Narahío, prevista arredor das 22:30h. Será, como vén sendo habitual, un baile de máscaras que nesta ocasión contará coa música da solista Mery, quen estirará celebración ata ben entrada a madrugada.

O Entroido no concello despedirase o sábado 28 de febreiro coa proposta da Asociación veciñal de Santa Mariña do Monte, que celebrará no local social un xantar a base de cocido. O prezo será de 30€ para persoas socias, 35€ para non socias e de balde para a rapazada menor de 15 anos. A xornada comezará cunha sesión vermú ás 13:00h amenizada polo Dúo Caramelo e, pola tarde, despois do xantar, haberá baile de disfraces con premios para as mellores máscaras. Para participar no cocido é necesario anotarse antes do 23 de febreiro nos teléfonos 630 811 062 ou 607 619 310.

Share.