Nun mes estaremos de estrea

0

A Casa da Cultura converterase o sábado 7 de marzo nun cine de sesión continua onde se proxectarán máis dunha vintena de pezas con distintas duracións e tamén temáticas, aínda que sempre co nexo común do territorio local. Falamos da gala de estrea das curtas filmadas o pasado mes de setembro co gallo da décima edición do encontro audiovisual Chanfaina lab, organizado polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña. Xa non falta nada e, de feito, as creadoras e creadores participantes apuran as últimas horas para remataren as súas pezas, xa que o prazo de envío vence este domingo. Este ano agárdanse recibir 24 curtametraxes.

A organización envioulles hai unhas semanas información da data das estreas e do límite para mandar as curtas, ademais das indicacións técnicas e outras recomendacións importantes. Unha delas é a de que as montaxes non superen os 5 minutos de duración, algo que por exceso ou por defecto case nunca se respecta, de xeito que no pase total van alternándose pezas breves con outras de maior metraxe.

Por outra banda, o Chanfaina lab tamén pide que, no caso de levar música, se empreguen bandas sonoras libres  ou das que se posúan os dereitos, co obxectivo de que as pezas poidan publicarse posteriormente e sen ningún tipo de reclamación de copyright na canle de Youtube do encontro audiovisual.

O demais xa é cousa de cadaquén e das historias que filmasen, todas elas gravadas e referidas ao territorio de San Sadurniño. De acordo co listado de persoas convidadas ás filmacións do pasado mes de setembro, o Concello de San Sadurniño conta con que o día 7 de marzo á tardiña -a gala comezará sobre as 17:30h- se proxecten 24 curtametraxes cos estilos e os contidos máis diversos, reflectidos por medio do documental, a ficción, o experimental ou unha combinación de xéneros.

As realizadoras e realizadores participantes nesta edición foron Carlos Amil, Ángela Arnosa, Milagros Bará, Bieito Beceiro, Rocío Campoy, Gon Caride, Brandán Cerviño, Area Erina, Pablo Fontenla, Leandro Lamas e Roberto Grandal, Fran da Lobeira, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Álvaro Núñez, Enrique Otero, Anxo Pena, Irene Pin, Cruz Piñón,  Gala Rodríguez, Abel Vega e os colectivos A Rigueira, The Sungirls, NaraíoMedia e Teño unha horta.

O programa das estreas, que estará conducido pola actriz Isabel Blanco e o actor Kevin Lorenzo, comezará coa presentación de cada peza por parte das súas autoras e autores e coa entrega das Lolas Chanfaineiras a cada participante (o agasallo do encontro). Ese será tamén o momento de repasar a súa biografía creativa e de dar unhas pinceladas sobre a intencionalidade das pezas presentadas a esta edición do Chanfaina lab.

Ademais, no transcurso do evento tamén se entregará o 2º premio Bernardino de Lamas, instituído o ano pasado para recoñecer o labor de persoas vivas que teñan demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual non profesional. O xurado reunirase proximamente para formular a súa proposta deste 2026.

 

 

Share.