Ata o 25 deste mes poden presentarse as instancias para participar nos procesos selectivos do SAF e de Administración

0

O BOE do pasado 27 de xaneiro publicou os anuncios correspondentes ás convocatorias do Concello de San Sadurniño para a cobertura de cinco prazas do cadro de persoal mediante quenda libre, correspondentes á oferta pública de emprego de 2024. Catro delas son para persoal laboral fixo no Servizo de Axuda no Fogar, mentres que o posto restante é de funcioncionario ou funcionaria de administración. A publicación no boletín estatal marca o inicio do prazo de presentación de solicitudes para participar nos procesos selectivos. As instancias poden botarse ata o mércores 25 de febreiro.

A convocatoria de maior entidade é a correspondente ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun total de catro prazas de persoal laboral fixo, das cales unha se reserva para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% (se non houbese ningunha persoa aprobada nesta circunstancia, a praza pasaría para a convocatoria xeral).

O proceso selectivo realizarase unicamente mediante concurso de méritos (non haberá exame), e tamén servirá para crear unha bolsa de traballo. Ademais de cumprir os requisitos habituais para poder optar a calquera posto nunha Administración Pública, as persoas aspirantes tamén terán que estar en posesión do certificado profesional de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente. Tamén deberán dispor de medios de transporte propios.

As prazas teñen unha xornada do 80% para o desenvolvemento de tarefas de apoio persoal e doméstico ás persoas usuarias do servizo. As funcións serán as mesmas nas catro prazas, enfocadas na asistencia ás persoas usuarias tanto nas tarefas persoais básicas -erguerse e deitarse, vestirse, asearse, comer, supervisarlles a administración de medicamentos, conversar, etc.- como noutros apoios necesarios, referidos á preparación de alimentos, o coidado da vivenda ou o acompañamento para xestións urxentes ou para consultas médicas.

Por outra banda, o Concello tamén ten aberto o proceso para cubrir unha praza de Administrativo/a de Administración Xeral, como persoal funcionario do grupo C1. Este proceso levarase a cabo mediante  concurso-oposición con tres exercicios eliminatorios -coñecemento do galego se non se dispón de Celga 4, proba teórica e proba práctica-, así como unha entrevista curricular na fase final, ademais da valoración de méritos acreditados por formación e experiencia.

Os requisitos tamén son os habituais para acceder a calquera posto nunha Administración Pública: ter a nacionalidade española ou outra que permita o acceso ao emprego público, ser maior de 16 anos e posuír a capacidade e aptitude física para desempeñar as funcións do posto. Non poderán participar as persoas que, entre outras, se encontren en situación de inhabilitación ou que fosen despedidas dunha Administración por expedientes disciplinarios. A titulación mínima requirida neste caso é a de Bacharelato, Formación Profesional de segundo grao ou equivalente.

As funcións principais do posto como persoal funcionario abranguen a atención ao público, a xestión do Rexistro e do Padrón e a tramitación de expedientes, entre outros cometidos.

Prazo e instancias
Para participar nos procesos selectivos é necesario presentar a solicitude que figura como anexo ás bases publicadas no BOP.  Ten que acompañarse da copia simple do DNI, copia simple da titulación ou certificación da profesionalidade e da relación de méritos alegados (xunto cos documentos xustificativos). Tamén se incluirá copia da certificación do coñecemento do Galego, se se dispón dela, e o resgardo do pagamento dos dereitos de exame, que son 18,79€ no caso da praza de administrativo/a e de 12,53€ se se concorre ás prazas do SAF.  Teñen que ingresarse na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059.

A solicitude pode rexistrarse a través da Sede Electrónica municipal, presencialmente no Concello ou a través de calquera das outras vías previstas na normativa. O prazo remata o mércores 25 de febreiro.

Ademais destas convocatorias, que son abertas, o Concello tamén ten en marcha outros dous procesos de promoción interna -só para persoal municipal-, un para persoal administrativo de Servizos Sociais e outro de operaria ou operario de maquinaria. Toda a información está dispoñible na Sede Electrónica municipal e no apartado de avisos.

Share.