Convocadas as axudas a fondo perdido e en concorrencia competitiva para favorecer a rehabilitación, terminación e ampliación de vivendas situadas en concellos rurais de menos de 5 000 habitantes, así como o cambio de uso de locais e entreplantas para uso residencial permanente ou alugueiro, coa finalidade de mellorar a calidade de vida da poboación rural, promover a cohesión territorial e combater a despoblación.
Persoas beneficiarias: Persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de inmobles situados en concellos de Galicia con poboación inferior a 5 000 habitantes que reúnan os requisitos de ingresos e de uso da vivenda. No caso de destinar a vivenda ao alugueiro, a vivenda deberá incorporarse ao Programa Fogar Vivo e manterse vinculada a el durante, polo menos, 5 anos desde a finalización das obras.
Actuacións subvencionables: Subvenciónanse as seguintes actuacións en vivendas ou espazos que se converterán en vivenda no ámbito rural:
- Obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas que melloren accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade ou eficiencia enerxética.
- Cambio de uso de locais e entreplantas para destinación a vivenda habitual, permanente ou alugueiro.
- A rehabilitación pode incluír medidas para evitar a entrada de radón e mellorar a seguridade e confort.
- Os custos subvencionables inclúen tamén os honorarios profesionais (proxectos, informes técnicos), impostos e tributos debidamente xustificados.
Prazo de solicitude: desde o 20/01/2026 ata o 01/09/2026 ou cando se esgote o crédito dispoñible establecido para a convocatoria.
Cantidade: As axudas financian o 75 % do orzamento protexido das obras subvencionables e poderán alcanzar un importe máximo por vivenda de 30.000 €.