O Pleno municipal aproba por unanimidade a distribución do POS Social

0

O Concello celebrou este mediodía un pleno convocado con carácter extraordinario para expor, debater e votar a proposta da alcaldía sobre a distribución do primeiro Plan adicional de 2026 da Deputación da Coruña. Un plan coñecido como “POS Social” que lle suporá a San Sadurniño unha achega próxima aos 67.000 euros e que o consistorio dedicará ao SAF, a Servizos Sociais e á prevención da soidade non desexada. A sesión, que non chegou aos catro minutos, rematou cunha votación na que o punto obtivo o apoio unánime dos tres grupos.

A contía exacta que lle correspondeu a San Sadurniño neste primeiro plan provincial do ano foron 66.920,97 euros que, segundo se expuxo no pleno, proveñen de fondos que se lle asignan aos municipios “atendendo a criterios obxectivos”. Tal e como asegurou a portavoz do Grupo de Goberno, Mari Carme Muíño Filgueira, o programa provincial “anticipa esta contía para que sexa o propio Concello quen propoña como distribuíla, de acordo coas súas necesidades”.

As bases do POS+ Adicional 01/2026 dan a posibilidade de dedicar os cartos a gastos de investimento ou a gastos correntes e, dentro destes últimos, a varias epígrafes nas que os concellos poden encaixar o destino da subvención.

San Sadurniño dedicará a cantidade asignada a gasto corrente, dentro de tres das epígrafes previstas na convocatoria. Así, dentro da Epígrafe A, o Concello reforzará os Servizos Sociais cun segundo Traballador ou Traballadora Social.

Por outra banda, na Epígrafe C -dirixido a SAF Dependencia- para o financiamento da cobertura de vacacións, baixas ou permisos das auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar.

Por último, a proposta de reparto do POS Social tamén se dedicará a outras medidas sociais de carácter extraordinario -a Epígrafe H-, concretamente ao desenvolvemento do programa “Xuntanzas na Eira” de envellecemento activo e prevención da soidade non desexada. As actividades estarán coordinadas pola empresa Espazo Vivo e comezarán esta semana.

Os tres grupos municipais estiveron de acordo na proposta de distribución dos fondos provinciais. PP e PSOE interviron para anunciar o seu voto favorable, coincidindo en que o programa provincial contribúe “a mellorar a vida dos nosos maiores”.

 

 

 

Share.