Os Reis Magos pasarán por San Sadurniño este domingo á tarde

0

Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán polas casas de todo o mundo na noite do luns para o martes, colmando a todas as nenas e nenos de agasallos e bos desexos para este ano recén estreado. Porén, antes da viaxe nocturna, os Magos de Oriente multiplicarán a súa presenza na comarca e mesmo chegarán a algúns lugares antes das tradicionais cabalgatas, co obxectivo de encontrarse coa rapazada e escoitar as súas peticións. Ese será o caso de San Sadurniño, onde os tres reis e a súa comitiva pararán polo Pavillón Municipal na tarde deste domingo 4 de xaneiro a iso das 18:45h. Para recibilos como merecen, o Concello preparou unha festa de benvida a partir das 17:00h na que haberá música, xogos e tamén chocolatada. 

Da animación encargarase, un ano máis, o equipo de La GuaGua. Comezarán con distintos obradoiros para a rapazada máis pequeniña e, posteriormente, como anticipo do grande momento da entrada real, tamén teñen preparado o seu sempre exitoso Canta-baila cunha chea de músicas e coreografías para que participe toda a familia.

Ademais, unha parte do pavillón estará ocupada por un un grande tobogán inchable e outros enredos onde as nenas e nenos poderán brincar canto queiran ao longo das practicamente dúas horas que durará a festa de recepción dos Magos de Oriente, na que tamén se servirá chocolate quentiño cun rico roscón.

O intre máis agardado producirase aproximadamente ás 18:45h coa chegada de Baltasar, Melchor e Gaspar. Os reises pararán en San Sadurniño dentro dunha apretada axenda que os ten percorrendo a comarca -e o resto do mundo- durante os días previos á súa viaxe nocturna do luns para martes.

As SS.MM. traerán presadas de caramelos e a mellor disposición para escoitar e anotar todo o que as nenas e nenos lles teñan que dicir, case sempre  peticións de última hora ou recordatorios do contido das cartas enviadas hai uns días.

Con todo, se a algunha pequena ou pequeno se lle pasou botar a carta no correo, debe saber que Melchor, Gaspar e Baltasar lla recollerán en man na tarde deste domingo, incrementando desta maneira as garantías de que a misiva lles chega a tempo e, importante, que o martes pola mañá aparezan na casa todos os agasallos da lista.

Recapitulemos de novo os datos básicos da festa de Reis en San Sadurniño, xa publicados desde hai semanas na nosa axenda de Google Calendar: domingo 4 de xaneiro no Pavillón Municipal de San Sadurniño, a partir das 17:00h xogos, obradoiros, inchable e cama elástica, ademais de chocolate con roscón para toda a familia. E a iso das 18:45h, chegada dos Reis Magos de Oriente.

Share.