A Xunta de Galicia vén de convocar dúas liñas de axudas para o ano 2026 dirixidas a facer fronte aos danos provocados pola fauna salvaxe, especialmente polos xabaríns, o lobo e o oso, combinando medidas de prevención cos sistemas de compensación económica polos ataques ao gando. Ambas convocatorias foron publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Por unha banda, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático abriu o prazo para solicitar as axudas destinadas á prevención dos danos causados por determinadas especies de fauna silvestre (expediente MT809D), co obxectivo de fomentar a implantación de medidas protectoras nas explotacións agrícolas e gandeiras. Estas axudas están orientadas a persoas titulares de explotacións afectadas por ataques de lobo, oso ou xabaril e céntranse na adquisición de elementos preventivos.
No caso do lobo, subvenciónase a adquisición e mantemento de cans protectores do gando, así como a instalación de pastores eléctricos e peches de malla electrificada. Para a prevención de danos causados polo oso, as axudas destínanse á compra de pastores eléctricos en explotacións apícolas situadas en concellos da zona oseira e a súa área de influencia. En canto ao xabaril, poderán beneficiarse destas axudas tanto explotacións agrarias inscritas no Reaga como explotacións destinadas ao autoconsumo, tamén para a adquisición de pastores eléctricos.
As contías máximas varían segundo o tipo de investimento: ata 300 euros por can protector e 200 euros anuais polo seu mantemento; ata 600 euros por explotación para pastores eléctricos, cun máximo de 150 euros por unidade ou 300 euros no caso de equipos con alimentación fotovoltaica; e ata 100 euros por cada malla electrificada de 50 metros, cun máximo de oito mallas por explotación. As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e a fondo perdido.
Paralelamente, a Xunta tamén convocou as axudas para paliar os danos producidos polo lobo (expediente MT809B), dirixidas a compensar economicamente ás persoas titulares de explotacións gandeiras que sufran ataques desta especie. Neste caso, trátase dunha liña de carácter indemnizatorio, non suxeita a concorrencia competitiva.
Para poder optar ás compensacións, é obrigatorio comunicar o ataque á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo de 24 horas no caso de gando en réxime intensivo, ou de tres días hábiles en explotacións extensivas ou semiextensivas, mediante chamada ao teléfono 012. As contías por morte de animais están recollidas no anexo da orde e teñen en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.
Ademais, estas indemnizacións incrementaranse nun 10 % nas explotacións nas que se comprobe a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo, sempre que estas sexan avaliadas como axeitadas. Tamén se compensan os gastos veterinarios por animais feridos e os custos de eutanasia, cun máximo de 75 euros por animal.
Prazos e ligazóns ás convocatorias
Axudas para paliar os danos producidos polo lobo (MT809B)
Prazo de solicitude: dun mes desde a entrada en vigor da orde para danos xa comunicados, ou dun mes desde o día seguinte á comunicación do dano nos ataques posteriores.
DOG do 15/12/2025
Axudas para a prevención dos danos da fauna salvaxe (MT809D)
Prazo de solicitude: ata o 16 de xaneiro de 2026.
DOG do 16/12/2025