Últimos días de escola. As pequenas e pequenos empezan o venres as súas vacacións tras un intenso trimestre que encara a súa recta final con actividades de lecer organizadas polos equipos docentes, as ANPAS e tamén polos concellos. É o caso de San Sadurniño, onde a área municipal de Cultura lle ten preparado a alumnado do CPI o espectáculo “Cantaxoga” de Migallas Teatro e o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Dúas propostas que nos anticipan a chegada do Apalpador -que estará en San Sadurniño e Naraío o sábado- e o grande concerto que nos ofrecerá o domingo o alumnado de Xoán Leis.
A primeira das citas terá lugar este mércores 17 de decembro, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura, co espectáculo “Cantaxoga” de Migallas Teatro. María Campos e Carlos Yus interpretarán cancións dos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo”, arrimándolle á música o teatro e moito humor na compaña dunha singular banda de pulgas. “Cantaxoga” inclúe unha chea de números cómicos relacionados cos contidos das cancións e está dirixido ao alumnado de Infantil e Primaria do centro de ensino.
A ANPA do CPI compartiu hai uns días un vídeo enviado polo propio Papá Noel no que informa de que o xoves 18 pasará polo colexio “para recoller en persoa as cartas” dos nenos e nenas e poder repartir os agasallos na noite máxica do 24 de decembro.
O venres 19 de decembro, a comunidade educativa terá un dos pratos fortes deste Nadal para a infancia. Grazas ao Concello e a Deputación da Coruña, Uxía Lambona e a Banda Molona chegarán a San Sadurniño para animar o último día de escola a partir das 11:30h. Presentarán os novos temas incluídos na xira “Un soño é…”, alternados cos grandes éxitos que levan colleitando desde a formación da banda, aló polo 2014.
Durante a fin de semana, o sábado 20 de decembro, o Apalpador tamén volverá visitar San Sadurniño. A partir das 19:00 horas fará un pequeno percorrido desde o CPI até a praza Ramón Díaz Raña acompañado pola cativada e pola música tradicional da Asociación Cultural Os Farrapos. Á súa chegada repartirá agasallos respectuosos co medio e con valores de igualdade.
Entre as 19:30 e as 21:00 horas, a Casa da Cultura acollerá un obradoiro de adobíos para a árbore de Nadal no que se elaborarán apalpadores de feltro, adornos de madeira e pandeiros de cartón para cantar panxoliñas en familia, todo acompañado de chocolate quente e biscoito.
Ese mesmo serán, ás 20:00 horas, o Apalpador tamén se achegará ao local social da Veiga, en Naraío, coincidindo co tradicional Nadal na Lareira da AVV O Castelo, que incluirá o espectáculo da Maga Fani, chocolate con bica e unha foliada aberta.
O domingo 21 de decembro, ás 12:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o Festival de Nadal das aulas de música moderna, no que o alumnado de Xoán Leis e o seu equipo docente ofrecerá un concerto con pezas de pop, rock e repertorio tradicional, con entrada gratuíta até completar a capacidade do recinto, que sempre queda pequeno.
Toda a programación prevista de aquí a Reis pode consultarse no Google Calendar do Concello de San Sadurniño, no boletín Novas que está chegando estes días ás casas e tamén no apartado específico dedicado ao Nadal na web municipal.