Nos tempos do ChatGPT, do “whas”, das présas e do todo para xa, quizais non sexa mala cousa parar un minuto e reflexionar sobre se non nos será mellor tomar con algo de calma a vida e a maneira de relacionarnos coa familia, coa xente que temos preto de nós e tamén con aquela á que lle temos aprecio pero que, por distintas razóns, ten que estar lonxe. Esta mesma maneira de pensar foi a que levou á Concellaría de Cultura a felicitarnos as festas do Nadal dándonos a ferramenta ideal para que as persoas volvan conectar entre si como se fixo toda a vida por estas datas: cunha postal. Unha postal non, sete postais deseñadas pola artista gráfica Blanca Escrigas. Son pequenas láminas protagonizadas polas igrexas parroquiais de San Sadurniño que xa podemos recoller totalmente de balde no Concello, na Casa da Cultura e na Libraría Brétema para felicitar con elas a quen queremos ou a quen queiramos.
A fachada de Santa María a Maior do Rosario vista desde o adro; o lateral de Santa María de Naraío; a de San Paio (Ferreira) e a de Lamas cos seus respectivos palcos da música; a igrexa de Santa Mariña do Monte coa súa peculiar cuberta; a de Igrexafeita -a única que mostra a pedra espida-; e a de Bardaos, a igrexa máis pequena de San Sadurniño… están os sete templos parroquiais que, alén da súa función como espazos de culto relixioso, son elementos dun grande valor patrimonial.
“Pensamos que era boa idea buscar algo que fose representativo de todas as parroquias, e independementemente das crenzas, a maioría da veciñanza identifica as igrexas como algo propio”, explica a concelleira de Cultura, Ara Bellas Castro, ao respecto da elección do motivo das postais, concibidas “como o que son, unha tarxeta normalizada que podemos mandar por Correos como felicitación ou que podemos gardar de recordo. Incluso poden quedar ben decorando a árbore do Nadal”, comenta Bellas Castro.
O proxecto de felicitar as festas cunha grande tirada de tarxetas postais xurdiu a finais do verán, a raíz do sorteo dos cadros pintados ao vivo durante a Feira Rural. A ilustradora ferrolá Blanca Escrigas foi unha das artistas convidadas e xa daquela comentóuselle a posibilidade de “facer algo de cara ao Nadal”. O resultado foron sete láminas debuxadas con pluma e pintadas logo con acuarela, co estilo pretendidamente imperfecto e cheo de cor que lle dá Escrigas á súa obra.
Logo entrou en xogo o tamén artista e deseñador Juanlu Fernández -Juanlu Nacha-, engargado de dixitalizar cada obra e de adaptala ao formato normalizado de Correos, que inclúe na parte traseira as liñas de enderezo, o sitio reservado para o selo e o franqueo e tamén os logos do Concello e do Xeoparque. Fernández elixiu para a impresión un papel rugoso de alta gramaxe, acorde coa categoría e a clase do agasallo.
“Son postais moi bonitas e moi elegantes”, dixo o alcalde, Secundino García Casal. O rexedor engade que a finalidade das tarxetas tamén é “facer que a xente escriba e felicite o Nadal como faciamos antes do Whatsapp. Escribir unha postal é un acto romántico e de resistencia que todas e todos deberiamos poñer en práctica, xa que nos obrigaría a pensar, obrigaríanos e expresar sentimentos dirixidos a outras persoas, algo que parece que se está perdendo neste mundo dixital tan acelerado”.
As postais, que son totalmente gratuítas, poden recollerse nas oficinas do rexistro municipal, na Casa da Cultura e na Libraría Brétema. Ademais tamén formarán parte das cestas da campaña “Polo Nadal, consumo local”.