“Aloumiños” foi unha iniciativa do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia -coa colaboración do SERGAS e o apoio do Ministerio de Sanidade- dirixida a persoas, preferentemente maiores de 65 anos, que puidesen estar sentindo a falla de compañía, de vínculos sociais ou dunha rede de apoio, xa fose físico ou afectivo.
A proposta estreouse con grande éxito en 2024 e proseguiu durante este ano 2025 ofrecéndose en Neda, Moeche, As Somozas e San Sadurniño, complementando no caso do noso concello as actividades socioculturais e de mantemento físico que se lle ofertan ás persoas maiores.
Malia que o programa rematou, San Sadurniño vai seguir traballando pola súa conta a prol do envellecemento activo e o reforzo comunitario, continuando o camiño iniciado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Por iso, a área de Servizos Sociais xa concertou coa empresa especializada Espazo Vivo a realización de obradoiros desde xaneiro até xuño de 2026, que terán lugar nas parroquias nas que veu desénvolvéndose “Aloumiños” nos últimos meses: Lamas, Naraío e Santa Mariña.