O pleno do Concello de San Sadurniño celebrado este serán aprobou por unanimidade a reclamación dun tren moderno para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Foi por medio dunha declaración defendida na sesión pola xornalista Julia Díaz Sixto, quen asistiu ao pleno xunto coa historiadora Esperanza Piñeiro de San Miguel en representación do Foro Cidadán polo Ferrocarril. O movemento social pide compromiso coas infraestruturas ferroviarias e servizos de calidade que conecten as comarcas internamente e tamén co resto de Galicia e do Estado. Unha reivindicación apoiada por concellos, partidos políticos, sindicatos e entidades do territorio que tamén se sumarán á manifestación convocada para este domingo en Ferrol con saída ás 12:00h desde a estación de trens.
Durante a lectura da moción, Julia Díaz Sixto lembrou que “a cidadanía xa se está mobilizando e reclamando o dereito de que esta comarca non sexa permanentemente excluída da modernización do transporte ferroviario”. Subliñou que Ferrolterra, Eume e Ortegal non poden continuar nunha situación de desigualdade respecto doutros territorios galegos, e que o tren é unha infraestrutura “estratéxica e esencial para o desenvolvemento económico, social e ambiental”.
A iniciativa exposta hoxe no pleno de San Sadurniño inclúe unha diagnose moi clara da situación ferroviaria da comarca, destacando que “resultan cada vez máis preocupantes e inxustas as grandes carencias que padecen estas comarcas”. Segundo recolle o texto, Ferrolterra, o Eume e Ortegal quedan fóra das actuacións de altas prestacións, cunha conexión deficiente coa Coruña e unha liña centenaria sen electrificar nin modernizar. “Falamos dunha infraestrutura con curvas de radio pequeno e mesmo con travesas de madeira nalgúns tramos”, lembrou a representante do Foro.
Un dos puntos nos que incide a declaración é no do estado da liña da antiga FEVE entre Ferrol e Ortigueira. Segundo se expuxo na sesión, “os únicos servizos de proximidade que se prestan en Galicia son os que opera Renfe Ancho Métrico entre Ferrol e Ortigueira, cunha deterioración paulatina ano tras ano”. A redacción á que lle puxo voz Julia Díaz Sixto critica “a falta de investimento importante na infraestrutura, un material rodante escasamente fiable, con avarías constantes e unhas frecuencias mellorables fan que o servizo sexa deficiente”. A moción é explícita ao esixir a súa mellora e modernización para evitar que continúe “un proceso de degradación progresiva”, ao ser unha liña “vital para a vertebración de todo o norte de Galicia entre Ferrol e Ribadeo”.
Entre as demandas principais, o documento insta ao Estado a restituír as frecuencias entre Ferrol e A Coruña previas ao 9 de xuño e a recuperar a conexión directa con Madrid. Asemade, solicita iniciar en 2025 o estudo informativo para modernizar integralmente a liña Ferrol–Betanzos Infesta–A Coruña, con rectificación de curvas, duplicación de vía, electrificación e incorporación ao Corredor Atlántico. “Este investimento ten que supoñer unha redución considerable dos tempos de viaxe para seren competitivos con outros modos de transporte”, afirmou Díaz Sixto, citando a moción.
Outro bloque central da declaración aposta pola creación dun servizo de proximidade estable entre Ferrol e A Coruña, destinado a vertebrar un espazo de máis de 600.000 habitantes. A moción defende que “é necesario crear unha rede de transporte comarcal onde estean incluídos todos os modos de transporte colectivo existentes con horarios e tarifas integradas”, así como avanzar na construción da estación intermodal de Ferrol mediante un convenio entre ADIF, Xunta e Concello. Recolle ademais a necesidade de revisar e mellorar os apeadeiros ao longo da liña para garantir accesibilidade e un servizo adaptado ao territorio.
O documento aprobado reclama tamén incluír as dársenas portuarias de Ferrol na Rede Transeuropea de Transporte, mellorar o transporte de mercadorías e impulsar o desenvolvemento industrial da comarca. Demanda igualmente que a Xunta solicite o traspaso das competencias ferroviarias de proximidade, tal e como xa acontece noutras comunidades, sempre que o Estado complete as obras pendentes e garanta financiamento e material suficiente.
Finalmente, a declaración insta o Estado a acelerar os pasos necesarios para garantir a chegada da alta velocidade a Ferrol e a súa integración plena no Eixo Atlántico.
A corporación municipal de San Sadurniño aprobou o texto por unanimidade, reiterando así unha demanda histórica e recorrente que terá continuidade na manifestación que percorrerá as rúas de Ferrol este domingo a partir das 12:00h (saída da estación do tren). Segundo resaltou Díaz Sixto durante a súa intervención, “o ferrocarril é hoxe máis necesario ca nunca para unha sociedade en movemento e para un territorio que precisa oportunidades e conexións dignas”.