Cerca de 120 estudantes benefícianse este ano das bolsas do Concello

0

O Concello de San Sadurniño vén de finalizar o proceso de concesión das bolsas municipais ao estudo correspondentes ao curso 2025-2026, aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 11 de novembro. En total distribuíronse 19.361,79 euros entre 119 alumnos e alumnas de ensinanzas obrigatorias e posobrigatorias. As axudas concedidas movéronse entre os 100 e os 800 euros, segundo a modalidade. A administración local xa efectuou as transferencias ás familias, cumprindo deste xeito co compromiso municipal de que as bolsas cheguen aos fogares durante o primeiro trimestre do curso. 

A convocatoria incluíu catro liñas de apoio: segundo ciclo de Educación Infantil, estudos obrigatorios, estudos posobrigatorios e as axudas por situacións específicas. Na primeira delas, presentáronse sete solicitudes, todas elas desestimadas por incumprir os criterios de renda ou outros requisitos das bases.  A este respecto, desde o departamento de Igualdade lémbrase que antes de presentar a solicitude “é moi importante ler con atención a convocatoria, sobre todo o apartado dos umbrais de renda, co obxectivo de evitar trámites innecesarios”, comenta a técnica, Oriana López Castiñeira.

A modalidade con maior volume de participación foi a de estudos obrigatorios, na que se rexistraron 108 peticións. Finalmente 95 resultaron concedidas, mentres que as restantes foron denegadas principalmente por incumprir os requisitos de non ter empadroamento en San Sadurniño ou porque o alumno ou alumna non constase como beneficiaria das axudas equivalentes da Xunta, dúas condicións imprescindibles para acceder a esta liña. O montante individual das achegas situouse en 113,15 euros. Desde Igualdade tamén se clarifica unha confusión recorrente: “é necesario estar empadroado no municipio, independentemente de que o alumnado curse estudos noutro concello da contorna”.

No caso das bolsas para estudos posobrigatorios, recibíronse 25 solicitudes, das que 20 foron aprobadas. Nesta modalidade concédense os importes máis elevados, acadando os 800 euros nos casos de maior puntuación, mentres que outras contías se situaron entre os 300 e os 700 euros segundo a valoración técnica. As denegacións volveron obedecer a cuestións de renda ou ao incumprimento dalgún dos requisitos específicos establecidos nas bases.

A cuarta liña, correspondente ás axudas por situacións específicas avaliadas mediante informe social, saldouse coa concesión de catro bolsas de 100 euros, tres delas para o mesmo núcleo familiar. Estas axudas teñen por obxectivo apoiar situacións  nas que concorran circunstancias excepcionais que dificulten o acceso a material escolar ou ao desenvolvemento da actividade académica en condicións de igualdade.

Desde o Goberno local destácase “o compromiso co ensino e o acompañamento económico das familias no inicio do curso, un período no que se concentran os gastos máis elevados”, dixo o alcalde, Secundino García Casal. O rexedor reiterou que San Sadurniño “segue á cabeza dos concellos galegos que máis recursos destinan a esta finalidade, tanto en termos absolutos como en proporción co orzamento municipal. É un esforzo económico importante, pero tamén un investimento no noso futuro”.

Share.