Xa se pode solicitar en Servizos Sociais o programa “Xuntos polo Nadal”, para persoas maiores de 60 anos que vivan soas

0

Desde o pasado 13 de novembro está aberto o prazo para solicitar o programa autonómico Xuntos polo Nadal, destinado a persoas maiores que vaian estar soas durante as datas festivas e que desexen gozar delas en compañía. As solicitudes poden tramitarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia,  aínda que o máis cómodo é acudir ao departamento municipal de Servizos Sociais, onde nos facilitarán o correspondente informe social e onde tamén nos axudarán a cubrir a documentación. Para pedir cita hai que chamar ao 981 490 027 ext.1. E cómpre non agardar ao último día, xa que o prazo remata o mércores 26 de novembro.

O programa busca ofrecer actividades de envellecemento activo e favorecer a convivencia das persoas maiores que, por falta de familiares ou outras circunstancias persoais, teñen que pasar o Nadal soas. A convocatoria deste ano ofrece un total de 270 prazas, repartidas entre a Residencia de Tempo Libre do Carballiño e a de Panxón, en función da provincia de procedencia das persoas solicitantes.

As estadías distribúense en tres quendas ás que se pode optar: unha completa de 16 días –do 23 de decembro ao 7 de xaneiro– e dúas opcións de 8 días –do 23 ao 30 de decembro ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro–. O programa inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, actividades de animación sociocultural e transporte en autobús desde diferentes puntos da comunidade, entre eles Ferrol e A Coruña no caso da residencia de Panxón.

Para participar no programa, as persoas interesadas deben ter 60 anos cumpridos, estar empadroadas en Galicia, vivir soas e ser autónomas para realizar as actividades da vida diaria. A normativa tamén establece criterios de preferencia como contar con maior idade, non ter participado en edicións anteriores ou ter enviuvado nos últimos dous anos. A asistencia é totalmente gratuíta, sendo por conta das persoas participantes unicamente os desprazamentos ao punto de saída dos autobuses.

As solicitudes deben presentarse no modelo oficial establecido pola Xunta e acompañarse dun informe social e da correspondente declaración responsable. A tramitación pode facerse de maneira electrónica a través da sede da Xunta ou de forma presencial nos rexistros admitidos, aínda que o máis aconsellable é recorrer aos Servizos Sociais municipais para evitar erros na documentación e garantir unha tramitación correcta.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de novembro de 2025. Para máis información ou para tramitar a solicitude, as persoas interesadas poden acudir ao departamento de Servizos Sociais do Concello de San Sadurniño, solicitando cita previa no teléfono 981 490 027 (ext. 1).

Share.