Ata o 16 de decembro: Solicitude das axudas PEL para PEMES e persoas autónomas da Deputación

0

A Deputación da Coruña abriu o 15 de novembro o prazo de solicitude da convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, dirixidas a pequenas e medianas empresas e a persoas autónomas da provincia. Todas elas son axudas para custear, dependendo da liña, gastos sociais e investimentos que se efectúen ao longo do ano 2026.

As axudas concederanse dependendo da puntuación obtida segundo a proposta presentada na solicitude até esgotar o crédito dispoñible para cada unha delas (non se ten en conta a data de rexistro da solicitude, sempre que sexa dentro do prazo) . As achegas tampouco teñen carácter prepagable, de modo que a contía concedida se percibirá unha vez que se xustifiquen os gastos/investimentos correspondentes a principios de 2027.

As solicitudes teñen que tramitarse obrigatoriamente a través da plataforma SUBTEL da Deputación. O prazo remata ás 14:00h do 16 de decembro de 2025.

Hai catro opcións compatibles entre si:

  • PEL-PEMES Creación e amplicación de cadro de persoal e PEL-PEMES mantemento, dirixidas tanto a pequenas empresas comoa microempresas e persoas autónomas  para apoialas nas novas contratacións de persoal ou no mantemento de persoal xa contratado. No caso da liña de Creación e ampliación (en concellos de ata 20.000 habitantes) a achega pode ser de ata 12.000 euros (80%). Para a liña PEMES mantemento, dirixida ás beneficiarias do PEL-PEMES Creación 2025,  establécese un tope de 10.000 euros de axuda (ata o 50% do gasto) ou de 11.000 euros no caso de tratarse da conversión en indefinidas de persoas pertencentes a colectivos vulnerables. A data límite de xustificación dos gastos será o 28 de febreiro de 2027. 
  • PEL-Emprende investimento, para consolidar ou fortalecer a actividade financiándolles a pemes e persoas autónomas os investimentos en bens inventariables. A achega pode ser de ata 17.500 euros, cubrindo un máximo do 70% do investimento, que pode ser en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipamento para o procesamento de información. A data límite de xustificación dos gastos será o 31 de xaneiro de 2027.
  • PEL-Autónomos/as, para apoiar economicamente ás persoas autónomas en municipios de menos de 10.000 habitantes -que non fosen beneficiarias do PEL-Autónomas 2025- de dúas maneiras: sufragándolles con ata 200 euros mensuais -2.400 euros para todo o 2026- as cotas da Seguridade Social, ou ben (novidade) cunha achega de ata 6.000 euros para axudarlles co alugueiro de oficinas, baixos comerciais ou centros de traballo. Destas liñas están excluídas persoas autónomas colaboradoras, as persoas traballadoras economicamente dependentes (TRADES), as persoas mutualistas de colexios profesionais e as persoas autónomas societarias. A axuda deberá xustificarse, como moi tarde, o 31 de marzo de 2027.

Calquera persoa que precise ampliar información pode recorrer á web específica da Deputación da Coruña, onde se encontran reunidas todas as convocatorias e fichas informativas sobre cada unha delas. Tamén se pode contactar co Técnico de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín Novo, chamando ao 981 490 027.

Share.