O 20 de novembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, unha data instituída pola ONU en 1959 para lembrar a necesidade de garantir o benestar, a protección e a participación plena das nenas e dos nenos. O Concello, a asociación Brío, a ANPA do CPI e as familias e profesorado da EIM A Rolada súmanse este ano á data con diversas iniciativas destinadas a difundir, celebrar e reivindicar os dereitos da infancia. O local social de Lamas acolleu este domingo pola mañá a primeira delas, centrada no pintado de camisetas que se exporán no Concello o próximo xoves.
A actividade, á que asistiron familias e crianzas, puxo o acento en promover a creatividade ao tempo que serviu para transmitirlles ás máis pequenas e pequenos a a importancia de coñecer os dereitos individuais, asumindo tamén as responsabilidades que forman parte da convivencia e do respecto mutuo.
O obradoiro artístico, organizado pola área de Igualdade co título “Contamos coa túa man para defender os nosos dereitos”, foi tamén un espazo de encontro comunitario no que se compartiron ideas e reflexións arredor de como garantir que estes dereitos se leven á práctica no día a día.
As actividades previstas polo Día Internacional dos Dereitos da Infancia continuarán esta semana na escola infantil municipal A Rolada. O centro instalará un pequeno photocall simulando unha viñeta de banda deseñada onde os diálogos serán mensaxes elaboradas polas propias familias, todas elas vinculadas aos dereitos da infancia. Con esta iniciativa búscase seguir visibilizando a importancia de garantir espazos seguros, afectivos e participativos para os máis pequenos, reforzando o compromiso de toda a comunidade educativa coa defensa dos seus dereitos fundamentais.
Ademais, todas e todos irán ese día en pixama á escola infantil, xa que A Rolada tamén participa na campaña “Ao cole en pixama” promovida pola Asociación Estatal de Acollemento Familiar como maneira de fomentar a acollida de nenos, nenas e adolescentes que por distintas razóns tiveron que separarse das súas familias de orixe.