O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela Mecías, asistiron este mediodía ao acto de entrega dos galardóns do proxecto Vilas en Flor que promove a Fundación Juana de Vega. Na edición 2025, que contou con 41 municipios participantes, San Sadurniño confirmou -outro ano máis- as súas tres Flores de Honra, o premio simbólico co que se recoñece o traballo do noso concello a prol da mellora das zonas verdes, a xestión sostible e a sensibilización ambiental. A cerimonia tamén serviu para reivindicar o impacto social, cultural e económico dunha paisaxe ben coidada.
Os municipios adheridos ao movemento volveron recibir entre unha e catro Flores de Honra -o máximo posible son cinco, nunca outorgadas en Galicia- segundo o seu nivel de execución das estratexias verdes que valora o xurado, relacionadas co coidado de parques e xardíns, coa sostenibilidade, coas accións de concienciación ambiental entre a veciñanza ou coa maneira en que se utilizan os espazos verdes e a natureza como factores de atracción do turismo.
San Sadurniño mantense por quinto ano consecutivo no grupo dos catorce concellos recoñecidos con tres flores, categoría á que tamén pertencen grandes vilas con maior orzamento, como son Arteixo, Cambados, Lalín, As Pontes ou Vilagarcía. No top das Vilas en Flor galegas sitúanse os cinco municipios premiados con catro flores —Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño—, mentres que outros 23 concellos recibiron unha ou dúas flores.
A gala estivo presidida por Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez López; e pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto. No seu discurso de benvida, Sáez Ponte destacou os beneficios ambientais, sociais e culturais do programa, lembrando que “a calidade da paisaxe é calidade de vida” e que un territorio ben coidado “crea cultura avanzada” e impulsa hábitos positivos no conxunto da sociedade.
Pola súa parte, Pedro Calaza, director da Área do Paisaxe da Fundación, puxo en valor o traballo do xurado, formado por 16 especialistas entre profesorado universitario, docentes de formación profesional, persoas expertas en paisaxe e viverismo e profesionais con vínculos co desenvolvemento territorial. Durante semanas, este equipo percorreu Galicia avaliando sobre o terreo as accións realizadas polos concellos participantes.
Entre o público asistente estiveron tamén representantes de AGAEXAR e ASVINOR, colaboradoras na iniciativa da Fundación Juana de Vega, quen tamén conta co patrocinio da Consellaría de Medio Ambiente -a través do Instituto de Estudos do Territorio- e das empresas Husqvarna e Rain Bird.
O encontro en Carballo serviu ademais para presentar a nova imaxe e o manual de marca de Vilas en Flor Galicia, unha ferramenta coa que se pretende unificar a identidade gráfica do movemento e facilitar que os concellos actúen como embaixadores dun programa que, ademais de estar consolidado en Galicia, forma parte dunha rede internacional presente en países como Francia, Italia, Reino Unido, Irlanda ou Canadá.
Xa de volta en San Sadurniño, o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, mostrouse satisfeito pola obtención das tres Flores de Honra. “Manter tres flores durante cinco anos seguidos é un recoñecemento ao traballo que se está facendo para contar con espazos verdes de calidade dos que poden desfrutar as veciñas e veciños e tamén a xente que nos visita. Vilas en Flor tamén recoñece as políticas a favor da sostenibilidade, como son as medidas de aforro enerxético ou a xestión eficiente da auga”, comentou Varela. “Estamos avanzando no bo camiño e a ver se para o ano podemos entrar no club das catro flores”.