A celebración do 25N en Sadurniño pon o foco na violencia institucional que sofren as mulleres

0

A área de Igualdade do Concello de San Sadurniño ten xa listo o programa deste ano con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas. Neste 2025 as actividades estarán a atención nun tipo de violencia machista especialmente invisibilizada: a violencia institucional, aquela que exercen as administracións e organismos públicos —a través da sanidade, a xustiza, a educación ou os servizos sociais— cando non atenden, ignoran ou revictimizan as mulleres. O programa arranca este venres e prolongarase até finais de mes. 

Desde a Concellaría de Igualdade explícase que este enfoque busca facer visible unha realidade que, malia ser cotiá, adoita pasar desapercibida. “Falamos da violencia obstétrica, xudicial, médica, psiquiátrica… de todas esas situacións nas que as institucións, en lugar de protexernos, acaban perpetuando o dano”, comenta a responsable do departamento, Araceli Bellas Castro.

Por ese motivo, este ano non se elaborará cartel nin se convocarán actos abertos ao público, “senón actividades máis específicas e de carácter formativo e reflexivo para a comunidade educativa e o persoal municipal, aínda que iso non significa que non vaia haber propostas para a veciñanza en xeral”, engade a técnica Oriana López Castiñeira.

A programación arranca este mesmo venres 14 de novembro ás 10:30h na Casa da Cultura cunha charla informativa sobre agresións e violencia sexual. A sesión vai dirixida ao alumnado de 4º da ESO do CPI San Sadurniño e estará conducida pola experta en xénero e políticas de Igualdade María Angélica Mercado Torres, no marco da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.

Pensando na rapazada máis pequena, o Concello tamén levará á Escola Infantil Municipal A Rolada –28 de novembro, 10:00h– o espectáculo “Contando con elas”, de Marisa Irimia. Cunha linguaxe e unha posta en escena adaptada ao entendemento dun público tan miúdo, a narradora e ilustradora contará contos de grandes escritoras, coas que Igualdade tamén quere “reivindicar o labor e o legado cultural e creativo que nos foron deixando ao longo da historia”

Ao día seguinte, o sábado 29, a Casa da Xuventude acollerá ás 11:00h o obradoiro “As tolas que non o eran”, impartido pola escritora Carmen V. Valiña, autora dun exitoso libro co mesmo nome no que se aborda o control institucional exercido sobre as mulleres a través da psiquiatría e o Estado entre finais do século XIX e comezos do XX. A actividade continuará no mes de decembro co clube de lectura da biblioteca municipal, que afondará nesta temática a través de distintas obras, entre elas a titulada “Las hijas del miedo”, editada pola Asociación de Mulleres Xuízas de España.

Para participar no obradoiro, que é gratuíto, fai falla inscrición previa enviándolle un correo á técnica de Igualdade –oriana.lopez@sansadurnino.gal-. Tamén se pode chamar ou- “whatsappear” ao 695 876 178.

Reactivación da Mesa Local de Coordinación contra a violencia machista
Unha das datas clave do programa municipal co gallo do 25-N vai ser o día 24 de novembro. Ás 10:00h prevese que volvan reunirse as persoas representantes das entidades da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de xénero, formada polos concellos de San Sadurniño e Moeche xunto con outras entidades, entre elas o CPI San Sadurniño e o CEIP San Ramón -incluídas as súas ANPAs-, a Garda Civil ou o Centro de Saúde.

A mesa é un foro para artellar políticas e accións coordinadas a distintos niveis para previr, detectar e atallar a violencia machista. Porén, debido a traslados profesionais e outras circunstancias, o órgano non puido convocarse de novo ata agora. O primeiro encontro desta nova xeira recapitulará cal é a situación actual nos dous municipios e tamén servirá para poñer en común novas propostas de acción. Ademais tamén terá unha parte formativa coa Cooperativa Arabías, que presentará unha guía de boas prácticas para mellorar a intervención e as políticas públicas ante o maltrato.

O propio día 25 de novembro, o Concello iluminarase coa cor violeta e, previsiblemente, tamén se lerá un manifesto institucional. Ademais tamén se estreará nas redes sociais municipais un novo capítulo do videopodcast de Igualdade “Falando sen cancelas”, parolando desta vez con Micaela Campanini, representante do proxecto O Lavadoiro. A iniciativa alentada no seu día pola Deputación da Coruña como proxecto piloto converteuse hoxe nunha asociación centrada na prevención, detección temperá e acompañamento ás vítimas do maltrato. Campanini comentará cales son as actividades que desenvolven e como se pode colaborar con este colectivo de nova creación.

O programa do 25N completarase coa posta en marcha da formación para persoal municipal “Pingas de Igualdade” co que se pretende mellorar a capacitación e promover a reflexión de todo o cadro laboral, funcionarial e político da Administración local. Trátase de facilitarlles contidos e mensaxes corporativas sobre aspectos relacionados coa igualdade, empezando pola “Guía de comunicación inclusiva e non sexista do Concello de San Sadurniño” deseñada polo departamento de Igualdade. A guía tamén se porá a disposición das entidades e do público en xeral a través da web municipal.

Desde a concellaría destácase que na programación 2025 do Día Internacional da erradicación da violencia contra as mulleres e nenas, o Concello de San Sadurniño “aposta pola reflexión e a autocrítica institucional, adquirindo de novo o compromiso de seguir avanzando cara a unha administración máis xusta, empática e libre de violencias machistas”.

Share.