No BOP do 10 de novembro de 2025 publicáronse as bases polas que se rexerá o proceso selectivo para a cobertura por promoción interna de 1 praza de Administrativa/o para o departamento de Servizos Sociais. O proceso desenvolverase mediante concurso.
Características do posto: A convocatoria das prazas vén recollida na Oferta Pública de Emprego de 2024 e encádrase dentro do departamento de Urbanismo e Obras como persoal laboral fixo a xornada completa.
Funcións: As funcións están enfocadas, segundo a RPT, na atención ao público en xeral, e especificamente ao que acuda á área de Servizos Sociais e Igualdade, o apoio na xestión do servizo -SAF, expedientes, nóminas, etc.- e outras tarefas propias do posto.
Requisitos e titulación: Para participar no proceso selectivo hai que cumprir os requisitos establecidos nas bases, que son os habituais para calquera posto nunha Administración pública: ter a nacionalidade española ou outra que permita o acceso ao emprego público, ser maior de 16 anos e posuír a capacidade e aptitude física para desempeñar as funcións do posto. Non poderán participar as persoas que, entre outras, se encontren en situación de inhabilitación ou que fosen despedidas dunha Administración por expedientes disciplinarios.
Para acceder ao proceso selectivo (que, recordemos, é por promoción interna) fan falla polo menos 2 anos de servizos prestados no Concello de San Sadurniño. Cómpre posuír tamén o título de bacharelato ou equivalente.
Proceso selectivo: O proceso selectivo farase mediante concurso valorando os méritos por formación e por experiencia laboral. Porén, tamén se prevé unha proba para a acreditación do coñecemento do galego no caso daquelas persoas que non presenten a certificación Celga 4 ou equivalente.
Como presentar a solicitude: É necesario presentar a solicitude que figura como anexo ás bases publicadas no BOP. Poderá facerse dentro do prazo establecido a través da Sede Electrónica municipal, presencialmente no Concello ou a través de calquera das outras vías previstas na normativa. Canda a solicitude debe achegarse copia simple do DNI, copia simple do certificado da titulación de bacharel ou equivalente, a relación de méritos alegados (acompañada dos documentos xustificativos: contratos de traballo e vida laboral). Tamén se incluirá copia do certificado Celga 4 -se se dispón del-, e o resgardo do pagamento dos dereitos de exame: 18,79€, que teñen que ingresarse na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059.
Prazo: O prazo empezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (é importante non adiantarse, xa que só poden admitirse as solicitudes que se presenten dentro do prazo establecido, nin antes nin despois).
Documentación publicada até o momento:
Anuncio e bases da convocatoria publicadas no BOP do 10/11/2025