Que facemos esta fin de semana?

0

Esta fin de semana, última do mes de outubro, vén cargada de propostas de lecer en San Sadurniño, maiormente musicais. As pandereteiras de Xacarandaina, o Trio Detrés, a foliada de DZINE e a actuación de Pan de Millo, compoñen unha oferta á que se lle engade o partido de volei da SM2 do serán deste sábado e as citas ligueiras do Sansa e do Narahío na xornada do domingo.  Un domingo que, hai que lembralo, terá unha hora máis. Ás 03:00h deberemos atrasar o reloxo ás 02:00h. As foliadeiras e foliadeiros están de en hora boa, xa que poderán estirar a noite un pouco máis. Repasemos todo o que hai (polo menos o que nós sabemos).

Sábado, 19:00h, Casa da Cultura – Actuación das Pandereteiras de Xacarandaina
O mes dedicado ás mulleres do rural pecharase cunha das formacións máis recoñecidas do panorama galego: as Pandereteiras de Xacarandaina. O grupo, pertencente á asociación coruñesa creada en 1978, leva décadas traballando pola recuperación, preservación e difusión do noso patrimonio inmaterial. A súa música e as súas voces son herdeiras dunha tradición transmitida de nais a fillas ao longo dos séculos.

A actuación, organizada no marco do Outono das Artes da Deputación da Coruña, dálle continuidade en certo modo ás Letras Galegas, dedicadas este ano ás cantareiras e á poesía popular oral. A entrada é gratuíta, mais cómpre reservar no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Sábado, 20:15h, Local social da Golpilleira – Trío Detrés
A continuación, o protagonismo desprazarase ao local social da Golpilleira, onde o Trío Detrés presentará o seu espectáculo “Máis ritmo”, dirixido por Fran Rei. Os intérpretes Félix Rodríguez, Olivier Cano e Óscar Prieto ofrecerán un peculiar concerto que combina temas propios, versións populares e moita improvisación, todo adobiado e remexido con humor. A proposta, aberta a todos os públicos, está organizada pola Asociación Cultural Santa Mariña do Monte coa colaboración do Concello de San Sadurniño e da rede Dinamiz-ARTJ do Instituto para a Transición Xusta.

Foliada en DZINE o sábado á noite e sesión vermú o domingo con Pan de Millo
O sábado, ao ser último de mes, tamén é noite de foliada libre no Café DZINE. A partir das 22:30h alí xuntaranse beiladores e beiladoras, percusionistas, cantareiras e cantareiros e, por suposto, gaitas, acordeóns e outros instrumentos tradicionais, para pasar unha noite de troula ben entretida. Unha velada que durará unha hora máis do habitual, xa que ás tres da mañá deberemos poñer o reloxo nas dúas.

O domingo ao mediodía o local tamén terá sesión vermú a partir das 13:00h animada polo dúo de voces e guitarras Pan de Millo. No exterior haberá polbeira para tomar unha táboa alí mesmo ou levar para a casa ao prezo de 15€ por ración, pan incluído.

O Aldebarán-Intasa recibe ao Gupane canario
A oferta da fin de semana tamén inclúe deporte de máximo nivel no pavillón municipal. O Aldebarán Intasa  recibe este sábado ao CV Gupane, da localidade canaria de Guía, nun novo encontro da liga SM2. O partido comezará ás 19:30h no pavillón municipal e tamén poderá seguirse en directo a través das redes sociais do equipo local.

E, si, tamén hai fútbol: a UDC Narahío recibe o domingo ás 12:00h na Veiga ao Miño B e o CF San Sadurniño visita ese mesmo día ao CD Narón. Xogarán ás 19:30h no Cadaval.

 

Share.