San Sadurniño volve participar neste 2025 no certame Vilas en Flor. Unha iniciativa que se desenvolve en distintos lugares do Estado e outras partes do mundo e que aquí, en Galicia, está coordinada pola Fundación Juana de Vega. Vilas en Flor premia a aquelas vilas e cidades que destacan polas súas accións en favor do medio e da creación de infraestruturas verdes que integren a natureza nos espazos públicos, como xeito de mellorar a calidade de vida da veciñanza. O Concello de San Sadurniño leva participando varios anos e neste momento conta con tres flores de honra do máximo de cinco que se poden obter neste concurso sen dotación económica pero de grande prestixio. O xurado enviado pola Fundación Juana de Vega percorreu onte distintos puntos da zona urbana e os seus arredores para facer a súa avaliación, que abrangue múltiples factores. O que decidan saberase o 14 de novembro en Carballo.
O xurado achégase unha vez ao ano a todos os concellos que participan no programa co obxectivo de valorar o seu compromiso coa mellora e coidado dos espazos verdes. Durante estas visitas téñense en conta diferentes aspectos. En primeiro lugar, valórase o patrimonio vexetal e paisaxístico, atendendo á relación entre o espazo verde e o número de habitantes, aos recursos destinados ao seu mantemento, á diversidade floral, á integración paisaxística, á singularidade dos espazos verdes e á súa adecuación ás necesidades da veciñanza. Tamén se analiza a existencia dun inventario de patrimonio vexetal e a correcta selección das especies empregadas.
Outro dos criterios é o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade, no que se avalía a xestión integral da auga, os programas respectuosos de control de pragas e enfermidades, a xestión sostible dos residuos, a limpeza dos espazos públicos e a calidade do mobiliario urbano.
Finalmente, considérase o uso social e as sinerxías coa actividade turística, valorando a estratexia de promoción vinculada aos espazos verdes, a difusión do distintivo “Vilas en Flor”, os programas de educación ambiental, as accións de participación cidadá e a organización de eventos relacionados cos xardíns e as plantas.
E para todos os anteriores apartados “San Sadurniño ten argumentos verificables e contrastables máis que de sobra para obter unha boa valoración”, comenta o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, que onte guiou o xurado polos xardíns municipais, o paseo fluvial, o arboreto ou a horta de conservación de especies autóctonas Carlos Fornos, entre outros lugares de referencia.
“Demos un paseo vendo os lugares e comentando outras cuestións que forman parte da memoria que enviamos para o certame, como por exemplo a posta en marcha do programa de interpretación Terra de Vida, a organización das dúas grandes feiras anuais, sobre todo a Feira da Plantación, a participación de San Sadurniño no Xeoparque, etc. É dicir, non só temos lugares fermosos e ben coidados, senón que tamén hai unha estratexia pública para poñelos en valor de maneira sostible, pensando no goce da veciñanza e do turismo”, engade Varela.
San Sadurniño leva desde 2021 conseguindo tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor. O máximo son cinco flores, un fito que non alcanzou por agora ningún municipio. Para Manolo Varela, ter tres distincións “significa estar entre os concellos que mellor o fan”, aínda que o edil ten confianza en que San Sadurniño poida situarse no top, sexa nesta ou en próximas edicións do concurso. “Chegar ás cinco flores é pouco menos que imposible, pero catro Flores de Honra é algo factible e contamos con moitos méritos para conseguilo”, defende o concelleiro.
O ano pasado participaron en Vilas en Flor un total de 42 municipios galegos. Allariz, Chantada, Salceda de Caselas, Tomiño e Carballo conseguiron catro Flores de Honra. San Sadurniño agarda poder entrar nesta edición nese selecto club de municipios cun maior compromiso coa xestión sostible dos seus espazos verdes. Se o consegue ou non saberémolo o venres 14 de novembro, día no que se entregarán en Carballo as distincións de 2025.