A Aula CeMIT de San Sadurniño acollerá o martes 28 de outubro de 2025 dúas novas sesións formativas gratuítas enmarcadas no programa Formación Dixital, impulsado pola Xunta de Galicia e financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Pola mañá desenvolveranse dous obradoiros centrados nas competencias dixitais básicas e no uso das ferramentas en liña tanto para a procura de emprego como para mellorar a autonomía das persoas maiores. Ademais, xa está aberto o prazo para inscribirse nas probas que permiten obter o certificado galego en competencias dixitais de nivel intermedio (ComDix).
O primeiro dos talleres, titulado “Competencias dixitais: a clave para o emprego”, celebrarase de 10:00 a 11:00h e está dirixido a persoas que queiran mellorar as súas oportunidades laborais. Durante a sesión aprenderase a buscar emprego en liña, elaborar un bo currículo, participar en entrevistas virtuais e coñecer novas profesións e ferramentas dixitais que favorecen a empregabilidade.
De 11:30 a 12:30h desenvolverase o segundo obradoiro, “Persoas maiores conectadas”, pensado para o público sénior. O obxectivo é facilitar o uso cotián das tecnoloxías: pedir cita no centro de saúde ou renovar receitas electrónicas, realizar videochamadas con familiares e amizades, evitar estafas dixitais ou acceder a libros, películas e música en formato dixital.
Os dous cursos terán lugar na Aula CeMIT de San Sadurniño, situada no primeiro andar da Casa da Cultura, e as persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa reserva a través do teléfono ou WhatsApp 616016793, ou ben no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
Ata o luns, inscrición nas probas de certificación intermedia COMDIX
Ademais destes talleres, a rede CeMIT mantén aberto ata o luns que vén, 27 de outubro, o prazo de inscrición nas probas libres para obter o certificado intermedio de competencias dixitais (ComDix Intermedio). Esta acreditación oficial permite validar os coñecementos, habilidades e aptitudes en áreas como a xestión da información, comunicación, creación de contidos, seguridade e resolución de problemas no ámbito dixital.
As probas celebraranse nas distintas aulas CeMIT da rede entre o 26 de novembro e o 5 de decembro. En San Sadurniño serán o mércores 3 de decembro ás 12:00h.
As persoas maiores de 16 anos que desexen participar deberán darse de alta previamente como usuarias da Rede CeMIT nesta ligazón e, a continuación, cubrir a súa solicitude de inscrición en liña. Para preparar as probas, está dispoñible de maneira permanente unha plataforma con contidos de apoio sobre consulta e xestión da información dixital, comunicación, creación, benestar dixital e resolución de problemas.