O Concello de San Sadurniño acaba de instalar diante da sede municipal tres focos led que permitirán iluminar a fachada con diferentes cores e intensidades. O novo sistema, que xa se probou onte á noitiña, servirá para dotar o edificio municipal dun recurso decorativo e simbólico para festas especiais, como poden ser as datas do Nadal, ou para conmemorar datas sinaladas que se identifican con cores concretas. O equipamento, preparado para un funcionamento intensivo e para soportar o mal tempo, estrearase a semana que vén coa cor morada do feminismo con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais (15 de outubro) ao que este ano San Sadurniño lle dedica unha programación especial.
Os tres focos instalados diante da sede municipal permitirán variar tanto a tonalidade como a intensidade da luz, adaptándose a cada ocasión. Trátase dunha intervención sinxela pero visualmente rechamante, pensada para darlle un novo aspecto nocturno ao edificio principal do Concello e para facelo máis visible durante as celebracións e eventos de carácter institucional ou social.
A nova iluminación, que seguirá sendo dun branco cálido a maior parte das noites, tamén servirá para amosar o apoio do Concello a distintas causas e movementos de sensibilización que se expresan mediante cores. Así, por exemplo, poderá tinguirse de violeta o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres; de azul o 2 de abril, con motivo do Día Mundial do Autismo; ou de verde o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Tamén se poderán empregar outras combinacións en datas como o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ou en eventos locais de especial relevancia.
Segundo explica a titular de Cultura e Igualdade, Araceli Bellas Castro, a idea é aproveitar este sistema “para darlle maior visibilidade ás campañas de concienciación social e, ao mesmo tempo, contribuír á mellora estética do núcleo urbano nas noites de festa ou de celebración”. “Ademais -prosegue a concelleira-, este focos consumirán practicamente o mesmo que os anteriores, coa diferencia de que agora poderemos vestir a fachada da cor que queiramos”.
O xogo de luces, no que se investiron cerca de 500 euros, estase probando durante estes días, coa finalidade de axustar a orientación e ver os efectos das distintas combinacións, xa que os tres focos poden sincronizarse para proxectar unha mesma cor sobre as paredes do pazo ou ben emitir cada un a súa, ofrecendo así unha paleta cromática moito máis ampla.
O Concello conta con poder estrear os focos a semana que vén, vestindo a fachada do consistorio dunha tonalidade morada con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais.