O Concello de San Sadurniño ten programadas para este ano actuacións de desbroce en 203 camiños de distintas parroquias, cunha lonxitude total de 244.305 metros lineais. En conxunto, suporán a roza de arredor de 122 hectáreas de superficie, tanto con medios propios como a través de contratación externa. Estas accións enmárcanse no convenio asinado coa Consellería do Medio Rural para os anos 2025-2026, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
O acordo entre o Concello e a Consellería establece a colaboración institucional para desenvolver tarefas preventivas de defensa contra os incendios forestais. O documento asinouse no mes de abril e ten vixencia bianual, garantindo financiamento compartido para realizar traballos de limpeza e mantemento da rede viaria municipal, unha das medidas máis efectivas para reducir o risco de propagación do lume no territorio.
No ano 2025 actuarase en catro zonas principais: Bardaos e Lamas, con 77.618 metros lineais; Santa Mariña e San Sadurniño, con 64.502 metros; Ferreira, con 55.558; e Naraío-Igrexafeita, con 46.627 metros. En total suman 203 camiños, que equivalen a 244 quilómetros de lonxitude. A superficie que se rozará, calculada a razón de 2,5 metros por cada marxe, ascende a 1.221.525 metros cadrados, é dicir, 122 hectáreas.
Para levar a cabo este plan, xa en marcha, o Concello está combinando os traballos con medios propios coa contratación dunha parte do servizo. Así, licitouse coa empresa Iván Tembrás SLU o desbroce de 37,5 hectáreas —equivalentes a 75 quilómetros de camiños— cun importe de 34.100,00€. O resto das superficies están sendo atendidas polo persoal municipal.
Estas intervencións enmárcanse na estratexia de prevención de lumes que aposta por manter limpos os accesos ás parroquias e mellorar a seguridade da veciñanza. Ademais de cumprir cos obxectivos do convenio, o programa contribúe a garantir mellores condicións de uso da rede viaria, facilitando tamén a mobilidade diaria e a accesibilidade en caso de emerxencias.
