65 ciclistas participarán na BTT desta noite de venres

0

O Concello de San Sadurniño e o club ciclista Biela e Chaveta pecharán esta noite o calendario 2025 do deporte das dúas rodas. E farano coa Ruta BTT que arrancará ás 21:00h do patio do CPI de San Sadurniño para percorrer arredor de 19 quilómetros de pistas e camiños forestais. Unha cita de dificultade media na que se apuntaron 65 ciclistas, vinte máis que na edición do ano pasado. A ruta, que non ten carácter competitivo, ofrecerá unha nova oportunidade de facer parte dos itinerarios permanentes deseñados e sinalizados este ano polo club en colaboración co Concello.

Trala saída e o paseo de quecemento polo centro urbano, o grupo tirará cara a Cornide e empezará a estirarse a medida que se vai escalando á Penamoura, onde o trazado tirará polos montes da Bidueda ata preto da Gándara, en Ferreira. Alí as e os ciclistas terán que torcer á dereita para subir cara ao Chao, en Naraío, e tras unha parada de avituallamento poderán continuar até a zona de Campolabrado, a Fontela e de novo Cornide, volvendo logo polo paseo fluvial ao punto de saída.

A BTT nocturna é unha proba cun perfil e un percorrido de dificultade media no que é obrigatorio o uso de casco e luz frontal e traseira. Ademais, as e os ciclistas menores deberán acudir na compaña dunha persoa adulta.

O tráfico non se cortará en ningunha vía, aínda que si haberá persoal da organización regulando o paso nos cruzamentos das estradas que enlazan coas pistas forestais. Todas as persoas apuntadas terán a cobertura dun seguro e coa inscrición van incluídos os avituallamentos da metade e do final da proba.

A BTT nocturna organizada por Biela e Chaveta e o Concello, na que se deron cita 65 ciclistas -22 máis que o ano pasado- reestrea a programación de lecer alternativo Venres en Sansa!, que ofrecerá citas distintas nas noites dun venres de cada mes.

Share.