O calendario ciclista anual que organizan conxuntamente o Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta vai finalizar este venres 19 de setembro coa Ruta BTT nocturna que sairá ás 21:00h do CPI de San Sadurniño ofrecendo dúas posibilidades, unha de dificultade media-baixa e outra de dificultade media, ambas por pistas, camiños e corredoiras do concello. Hai dispoñibles 125 prazas para idades dos 8 anos en diante, que se poderán reservar gratis ata as 14:00h deste mércores 17 de setembro a través deste formulario.
Máis en detalle, o percorrido máis curto e asequible son 19 quilómetros totais e un desnivel acumulado positivo de 462 metros, mentres que o máis longo e algo máis complexo -aínda mantendo a dificultade media- serán 22 quilómetros e unha altimetría de 479 metros. Este último está recomendado para ciclistas con máis experiencia e nel só poderán participar quen teñan máis de 12 anos.
A saída para ambas rutas darase ás 21:00h na parte dianteira do CPI de San Sadurniño, que tamén é punto de remate dos dous percorridos.
Ademais da bicicleta, para participar en calquera das dúas roldas será obrigatorio o uso de casco e de luz frontal. Tamén se recomenda levar móbil con batería e rodar preferentemente en grupos, xa que non se trata dunha proba competitiva. En calquera caso, a rapazada e mocidade menor de idade terá que ir sempre na compaña dunha persoa adulta.
As inscricións son totalmente de balde e deberán facerse por medio desta ligazón de Google forms activada hai xa varias semanas. Todas as persoas participantes estarán cubertas por un seguro.