O 56º Rallye de Ferrol volve cruzar este sábado Igrexafeita e Ferreira

0

O Rallye de Ferrol volverá correr este sábado polo tramo entre Igrexafeita e As Somozas pasando por Ferreira. Un percorrido de case 15 quilómetros que se fará en dúas veces, unha a partir das 15:50h e outra sobre as 19:15. O tráfico estará cortado desde as 14:45h até aproximadamente as 21:30h, hora prevista de remate da segunda pasada. Desde a organización infórmase de que nese intervalo estará prohibido o acceso ao trazado, agás que se produza algunha urxencia médica que requira unha actuación ou unha evacuación inmediata. Se se dese esa circunstancia, e por cuestión de rapidez, deberase contactar coa dirección de carreira no 687 698 433 para mobilizar calquera das dúas ambulancias de asistencia, situadas na saída e na metade do tramo. 

O paso por San Sadurniño encádrase nos tramos cronometrados 5 e 7 dunha proba que  volve ser puntuable unicamente para o Campionato galego de rallys de asfalto e para varias copas.  Aquí haberá dúas seccións, unha a primeira hora da tarde -paso previsto do primeiro coche ás 15:49- e outra no serán -19:15h-, que en ambos casos comezarán na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os equipos participantes iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- e, unha vez no fondo do val, emprenderán a subida con rumbo a Cadavás.

Uns metros máis arriba enlazarán coa estrada provincial e virarán á dereita para afrontar un segmento de curvas amplas que rematan na Leiriña, onde comeza un tramo rápido duns 800 metros en baixada no que se corta a 90º para desviarse cara ao Sumeiro, seguindo logo até San Cristovo, a Nogueira e volta de novo á DP-7601 na Chabola.

Neste intrincado percorrido hai catro curvas que, de seguro, reunirán un bo número de afeccionadas e afeccionados pola súa espectacularidade, aínda que a raíña do espectáculo seguirá sendo a volta duns metros máis adiante, onde o rally se encamiñará á Picheira, o Hedreiro e Amido, punto no que xa continuará por territorio das Somozas.

A circulación para o tráfico rodado cortarase en todo o percorrido ás 14:45h. e non volverá abrir até o remate da segunda volta do rally, a iso das 21:00h ou 21:30h, dependendo dos vehículos que continúen en carreira. Ademais, segundo figura na cartelaría, tamén se interromperá no mesmo horario a circulación na estrada xeral da Deputación no tramo comprendido entre a igrexa de San Paio e o cruzamento coa estrada das Pontes, xa en Igrexafeita.

Ademais da veciñanza de toda esa zona, estas restricións tamén deben telas en conta as persoas que tivesen previsto baixar ao Festival Irmandiño de Moeche por algún dos itinerarios afectados. A recomendación que se fai desde o Concello -non queda outra- é ir ao festival por Lamas (collendo a pista do Chao); ou ben ir pola estrada provincial DP-7601 desde a rotonda do Outeiro, en San Sadurniño, ata o desvío da Camba.

No caso de que haxa que atender algunha urxencia médica en calquera dos lugares polos que pase a proba, desde a organización indica que se debe chamar ao 687 698 433 para mobilizar calquera das dúas ambulancias que haberá ao pé do tramo, dado que serán máis rápidas en chegar que as do 112.

Outras recomendacións
Desde o Concello tamén se recomendan seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público, que están debidamente sinalizadas. Por outra banda, tamén se insiste en que o día do rally se extreme o coidado nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira.

Outra petición que se fai desde o Concello é que non se deixe lixo tirado e que se teña presente que a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.

Cabe mencionar, por último, que durante a xornada deste mércores 20 e do xoves 21 das 09:00h ás 21:00h están autorizados percorridos de recoñecemento do tramo por parte dos equipos participantes. O trazado non estará pechado para eles e, polo tanto, deberán respectar en todo momento os límites de velocidade e todas as normas de circulación. Aínda así deberemos extremar as precaucións ante a posibilidade de que nas pistas de Ferreira e Igrexafeita haxa máis tráfico do habitual.

 

Share.