Ás 23:59h deste domingo 17 de agosto rematará o prazo para a presentación telemática das solicitudes de axuda para entidades culturais e deportivas do municipio, pero tamén para aquelas persoas interesadas en poñer a producir leiras con froiteiras autóctonas. Toda a información e a documentación que se deberá achegar están dispoñibles na Sede Electrónica municipal, lugar obrigatorio de tramitación no caso das entidades, mentres que as persoas físicas que opten ás axudas para froiteiras poderán solicitalas presencialmente no Concello ou por calquera dos outros medios previstos na normativa. No caso de que o trámite se queira facer presencialmente, o prazo remata hoxe xoves, 14 de agosto, dado que mañá venres é festivo e non hai rexistros abertos.
A primeira das convocatorias ten como obxectivo apoiar o tecido asociativo cultural do municipio, para o cal se reserva un orzamento de 11.000 euros. As entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades culturais poderán acceder a un tope de 4.000 euros de subvención, segundo os criterios de puntuación establecidos nas bases. Ademais, tamén volverá haber unha liña específica de 1.000 euros para aquelas asociacións que conten con local en propiedade ou alugado, sempre que os fondos se destinen a mantemento ou equipamento do espazo.
No ámbito deportivo, o Concello dispuxo 16.000 euros para axudar a entidades deportivas que participen en competicións ou desenvolvan actividades de promoción do deporte. As subvencións cubrirán, por exemplo, gastos de funcionamento, compra de material, arbitraxes ou seguros. A contía que se conceda dependerá do número de licenzas federativas -maior puntuación se se trata de disciplinas olímpicas- e da titularidade das instalacións, entre outros criterios.
Cómpre ter en conta que ás subvencións de Deportes e de Cultura non poderán acollerse aquelas entidades que xa teñan subscrito ou vaian subscribir este ano convenios de tipo económico co Concello para o financiamento de actividades determinadas.
En canto á terceira liña de axudas, o Concello de San Sadurniño busca fomentar a plantación de variedades autóctonas de maceiras e outras froiteiras, como parte dunha estratexia de posta en valor do rural e da produción local. A convocatoria, dotada cunha partida de 10.000 euros, inclúe subvencións de ata 10 euros por planta cun máximo de 2.000 euros por persoa beneficiaria. Para acceder a estas axudas será necesario dispoñer dun terreo mínimo de 1.000 metros cadrados e comprometerse a manter as plantacións durante, polo menos, catro anos.
Este ano, como novidade, amplíanse as variedades acollidas e amplíase até novembro de 2026 o prazo de xustificación dos investimentos que se fagan nas plantacións.
As tres convocatorias de axudas -Cultura, Deportes e Plantación de froiteiras- comparten o procedemento de tramitación: as solicitudes deberán presentarse mediante a Sede Electrónica municipal no caso das asociacións e clubes deportivos -a lei obriga a facelo así- ou por rexistro presencial se se trata das solicitudes para froiteiras presentadas por particulares (aínda que tamén poderán tramitalas por vía telemática).
As axudas tamén comparten prazo de presentación: un mes desde a publicación das convocatorias no BOP, de maneira que o último día para rexistrar as solicitudes será -pola Sede Electrónica- ás 23:59h deste domingo 17 de agosto.
Procedemento de solicitude e documentación de axudas en materia de Deportes
Procedemento de solicitude e documentación de axudas en materia de Cultura
Procedemento de solicitude e documentación de axudas para a plantación de froiteiras