San Sadurniño estrea o torneo Rei e Raíña da Granxa Volei Fest, nova cita do circuíto galego de vólei praia

0

As pistas de area do Mesón A Granxa acollerán durante esta fin de semana a primeira edición do “Rei e Raíña da Granxa Volei Fest”, un evento promovido polo xogador do Aldebarán Marcos Blanco Couce co apoio do club e a colaboración da Federación Galega de Voleibol, o Concello de San Sadurniño e o propio establecemento hostaleiro. Trátase dun torneo que comezará este venres pola tarde cun maratón amateur que se prolongará ata ben entrada a madrugada do sábado, mentres que o domingo 27 está previsto disputar o torneo federado puntuable no ranking autonómico. Espéranse máis de 110 deportistas nunha cita que aspira a consolidarse no calendario oficial e mesmo formar parte do circuíto estatal.

O calendario galego de vólei praia incorpora este verán unha nova data, coa celebración do “Rei e Raíña da Granxa Volei Fest”, unha proposta que chega con forza e que nace coa intención de converterse en referente no norte de Galicia. A actividade comezará este venres 25 de xullo ás 16:00h coa chegada dos equipos 3×3 do torneo amador, que se desenvolverá sen interrupcións durante toda a tarde, a noite e parte da madrugada, prolongándose ata as 04:00h do sábado aproximadamente.

Este primeiro día contará con 18 equipos de entre tres e cinco integrantes, nun ambiente festivo que mestura o deporte coa convivencia, con música en directo, sorteos, zona de descanso e posibilidade de acampada. Segundo Marcos Blanco Couce, xogador do Aldebarán Intasa e principal organizador do evento, “o primeiro día serán sobre 60 deportistas nunha festa do vólei praia máis que unha competición oficial”.

O domingo 27 terá lugar o prato forte da fin de semana: a proba federada, integrada desde este mesmo ano no circuíto galego. Os partidos comezarán ás 9:00h da mañá e estenderanse sen descanso ata as 21:00h. Participarán 28 parellas nas categorías masculina e feminina, entre as que figuran deportistas destacados como David Guiñazú —técnico municipal de deportes e recente campión galego sénior— e Tea Andric, parella de Guiñazú, e tamén campioa na modalidade feminina.

Marcos Blanco explica que o torneo naceu con idea de asentar a disciplina na comarca. “Sempre tiñamos que ir cara á zona de Pontevedra e Ourense e non había ninguén que se animase a montar isto, entón decidín montalo eu mesmo”, comenta Blanco Couce, quen conta co apoio do seu club, o Aldebarán, da Federación Galega de Volei, do Concello e do Mesón A Granxa como anfitrión. Blanco tamén recoñece que nos días pasados houbo certo nerviosismo ante a posibilidade de que neste primeiro ano se rexistrasen poucas inscricións, “pero ao final o boca a boca funcionou e somos uns 110 deportistas apuntados”.

Charly Suárez, director técnico da Federación Galega, celebra que en San Sadurniño se aposte por esta disciplina despois de tantos anos traballando e sendo unha referencia no voleibol. “Desde a Federación felicitamos ao club por ter dado o salto de cara a potenciar tamén o vólei praia”. Suárez sinala que a proba do domingo “é federada e perfectamente válida” para o ránking autonómico e confirmou o apoio federativo  “para que poida ser parte do circuíto nacional. San Sadurniño sempre foi sitio de competicións nacionais como a Copa Príncipe ou a fase de ascenso, e, por que non, tamén o será no volei praia”.

Desde o Concello, o alcalde Secundino García Casal valorou a organización do evento como “un paso adiante na dinamización deportiva e turística de San Sadurniño, porque eventos coma este chaman pola práctica dun deporte minoritario que no noso concello, por sorte, é maioritario, pero tamén son un argumento máis para que persoas doutras zonas veñan descubrir o territorio”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manel Martínez Pérez, destacou que o torneo sexa unha iniciativa de base social: “Marcos e o club Aldebarán están a facer un un grande traballo, tal e como demostra a entrada no circuíto galego. Seguro que o torneo vai ser un éxito e agardamos que a experiencia sirva para que San Sadurniño tamén poida acoller no futuro competicións de vólei praia do campionato estatal”.

Share.