San Sadurniño volverá ser escenario da Copa Príncipe de volei do 10 ao 12 de xaneiro

0

San Sadurniño acollerá do 10 ao 12 de xaneiro a Copa Príncipe de voleibol, o máximo trofeo da división de prata estatal. O Intasa San Sadurniño asume por cuarta vez a organización do torneo por KO que reunirá os cinco mellores equipos da Superliga Masculina. Así, durante tres días, os locais, o Barça, o Servigroup Benidorm, o Roquetes, o CV Leganés e a Textil Santanderina -vencedora en 2024-, mediranse no que será o primeiro título en xogo do novo ano. Os horarios coñeceranse proximamente. Antes desta cita, o volei local tamén nos ofrece este sábado pola mañá o trofeo no que participarán os equipos de base do Aldebarán.

Os seis equipos participantes dividíronse en dous grupos tras o sorteo celebrado na sede da RFEVB do seguinte xeito:

No grupo A competirán o anfitrión, Intasa San Sadurniño, o líder do grupo B, o Barça Voleibol e o segundo clasificado do grupo C UC3M Voleibol Leganés, mentres que no grupo B estarán o líder do grupo A, Textil Santanderina, o segundo clasificado do grupo ligueiro B, o CV Roquetes, e tamén o Servigroup Playas de Benidorm, que rematou a primeira rolda da liga na cabeza do grupo C.

San Sadurniño vivirá un intenso campionato ao longo de tres días de competición que comezará o venres cos primeiros partidos da fase de grupos que definirán o nome dos semifinalistas na tarde do sábado. Os dous gañadores disputarán o domingo 12 de xaneiro a gran final para levantar o trofeo KO na categoría de prata do voleibol estatal.

Esta será a cuarta vez que o torneo chega a San Sadurniño despois de celebrarse nos anos 2016, 2017 e 2021. En dúas das tres ocasións o equipo local proclamouse campión.

Torneo dos equipos da base este sábado
O torneo disputarase do 10 ao 12 de xaneiro, na fin de semana posterior ao remate das festas. Pero antes, xa este sábado 28 de xaneiro, o pavillón encherase durante a mañá do volei máis prometedor. E é que o Aldebarán organizou un pequeno torneo no que participarán todos os equipos da súa base.

Os partidos desenvolveranse desde as 10:00 ata as 14:30h e ao remate da competición serviranse unhs petiscos cos que o club despedirá o ano.

Share.