O pleno dos orzamentos adíase ao luns 22

0

Por causa dun erro na notificación electrónica da convocatoria do pleno previsto para a tarde deste xoves, o Concello fixou para o próximo luns 22 de xullo ás 19:30h unha nova sesión extraordinaria e de carácter urxente.  Ao pleno asistiran os membros do grupo municipal do BNG e o único representante do Grupo Mixto, o socialista Juan Alberto Rivera Franco, mentres que o PP non acudiu á cita por non ter recibido o aviso cursado polos cauces habituais.

Pasaban uns minutos das 19:30h e entre os concelleiros e concelleiras presentes na sala de sesións causou extrañeza a ausencia do Partido Popular, que sempre é o máis puntual. Por este motivo, a portavoz do Goberno local, Mari Carme Muíño Filgueira, contactou coa portavoz do PP, María Belén Trigo Meizoso, mentres que o alcalde, Secundino García Casal, fixo o propio co edil José Luís Hermida Prieto.
Ambos representantes da oposición aseguraron non ter recibido a notificación electrónica coa convocatoria. Unha convocatoria que, porén, foi tratada na preceptiva comisión informativa de asuntos do pleno e que, ademais, está dispoñible desde o pasado día 12 no tablón de anuncios electrónico da web municipal, onde o mércores  tamén se publicou  unha noticia avanzando o contido da sesión xunto co dato do día e a hora de celebración.
Tras consultar a cuestión coa Secretaria municipal e comprobar que se producira un erro involuntario na notificación, o alcalde convocou un novo pleno para o serán do luns cos mesmos temas principais: a aprobación formal da denominación “Praza Ramón Díaz Raña” para a praza anexa ao Convento do Rosario e, posteriormente, o debate e votación do Orzamento municipal 2024. Esta sesión incorporará como primeiro asunto a votación sobre a propia urxencia da convocatoria.
Como vén sendo habitual, e salvo problemas técnicos, o pleno emitirase ao vivo a través de Youtube e tamén se compartirá a ligazón tanto no Facebook como na canle de Whatsapp do Concello.
Share.