Tamén son máis habituais na rapazada de 1 a 4 anos e responden a situacións nas que a nena ou neno non pode controlar o seu medo ou a súa rabia. Por iso, o primeiro que podemos facer é previr antes de que se desencadee o conflito, recorrendo a unha distracción ou cambiando o seu foco de atención. Se sabemos que unha situación lles causa estrés ou excesiva frustración, mellor evitala ata que saiba, coa nosa axuda, como xestionala doutra maneira.
E se a situación se produce igualmente, o primeiro é manter a calma, o segundo axudarlles a saír desa situación dándolles contención emocional -e que saiban que lles imos axudar- e, en terceiro lugar, se non responde á contención, non poñer o foco no que provocou a perrencha, senón que debemos darlles tempo e espazo ata que lles pase, manténdonos dispoñibles en todo momento. Tamén é importante non ceder ante o que a nena ou neno queira, para evitar que estableza unha relación causa- efecto entre o encabuxamento e o logro do seu obxectivo.
Unha vez que todo pase, podemos expresarlle a alegría de que por fin conseguise recuperar o control e ensinarlle cal tería sido a mellor maneira de actuar ou de expresar o que sentía, estimulando que use as palabras en vez recorrer aos choros e berros.
Entender como funciona a psicoloxía infantil e saber como poñer límites sen violencia son os dous temas principais da Escola de Familias do próximo mércores 6 de marzo. O tema é abondo complexo de abordar e por iso a sesión desenvolverase de 17:00 a 19:00h, coa finalidade de aprender estratexias que se poidan poñer en práctica na casa, resolver dúbidas ou expoñer casos concretos.
Recordamos que a Escola de Familias ten lugar na Casa da Cultura e fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.