Xa se pode ir pedindo vez para a ITV agrícola, que volverá polo noso concello a finais de novembro

0

A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volverá proximamente por San Sadurniño para pasarlle a revisión aos tractores e outra maquinaria agrícola. A ITV permanecerá ao pé da igrexa de Santa Mariña do Monte durante a mañá do martes 28 de novembro e trasladarase dous días despois, o 30, á pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita, en horario de mañá e tarde. Se lanzamos o anuncio con máis dun mes de adianto é  para para que a ninguén se lle pase pedir vez, que é obrigatoria, a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com. Ademais de vir por San Sadurniño, as estacións tamén estarán por esas datas noutros puntos relativamente próximos, como a Cooperativa de Vilaboa ou o recinto feiral de Moeche.

Os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas, teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é anual.

Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de ir á inspección é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.

A ITV en Santa Mariña, Igrexafeita e noutros puntos cercanos
A estación móbil adoita visitar o noso municipio na primavera e a finais do outono, co obxectivo de concentrar en dúas veces no ano as inspeccións de toda a maquinaria de San Sadurniño e das zonas próximas.  Así, en Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o martes  28 de novembro só pola mañá, de 9:00 a 13:30h.

Igrexafeita a estación móbil acudirá dous días despois, o xoves 30 de novembro e situarase na pista polideportiva da Torre. Ese día revisará maquinaria pola mañá e pola tarde, entre as 9 e as 13:30h e de 15:15 a 18:00h. 

A vez pode pedirse chamando ao 902 309 000 ou a través da web www.sycitv.com. Tamén se pode probar sorte sen cita calquera desas xornadas por se lles quedase algún oco libre, aínda que non é o máis aconsellable. Por outra banda, segundo informa SyC-ITV Applus na súa web, a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Por se a alguén lle cadra mellor por proximidade, a estación móbil tamén permanecerá o luns 27 de novembro durante todo o día na explanada da Cooperativa de Vilaboa e o martes 28 de novembro pola tarde no recinto feiral de San Ramón, en Moeche. 

Share.