A coincidencia das Eleccións ás Cortes Xerais en tempo de vacacións para moitas e moitos votantes é un dos factores que máis están incentivando o voto por correo. Tal é así que Correos tivo que reforzar o servizo de solicitude, entrega e recollida da documentación e, aínda con iso, as oficinas encóntranse desbordadas durante estes días, tendo en conta que este xoves 13 de xullo é o último día para facer a petición, sexa nas oficinas ou ben por vía electrónica na web da empresa pública ou na do Instituto Nacional de Estatística. A Oficina do Censo Electoral enviará as papeletas para o Congreso e o Senado ao domicilio indicado polas persoas solicitantes, que deberán entregar o sobre co seu voto o día 20 como moi tarde.
Unha opción cómoda para non ter que agardar colas é solicitar en liña o voto por correo utilizando o DNI electrónico ou un Certificado Dixital válido. Na web Correos.es explican o procedemento, que permite facer a xestión ata as 23:59 deste xoves 13 de xullo.
A través desta ligazón -que inclúe varias recomendacións de tipo técnico- accédese a un formulario que cumprirá cubrir completamente, prestándolle atención ao enderezo no que queremos que nos entreguen a documentación para poder votar (importante se neste momento xa estamos de vacacións fóra do noso lugar de residencia).
O aplicativo de solicitude electrónica do voto por correo poden utilizalo as persoas electoras residentes en España e aquelas residentes no estranxeiro que se atopen temporalmente en España e que teñan dereito a votar nestas eleccións.
Por cuestións loxísticas da entrega e recollida da documentación non poderán empregar esta opción as persoas electoras residentes en España que se atopen temporalmente no estranxeiro, nin tampouco aquelas residentes no estranxeiro que o soliciten desde o seu país de residencia.
O que se presenta por medios electrónicos é unha solicitude que debe ser aceptada pola Oficina do Censo Electoral. Será esa oficina quen remita toda a documentación ao domicilio ou enderezo indicado. O que nos chegará será un sobre que trae dentro as papeletas dos partidos para o Congreso e o Senado, o noso certificado de inscrición no censo, unha folla de instrucións e outro sobre para mandar o voto por correo certificado totalmente de balde. Dentro dese sobre pechado deberán ir as papeletas -tamén pechadas e nos seus respectivos sobres de cor- xunto co certificado de inscrición no censo.
O paquetiño co noso voto haberá que levalo a calquera oficina postal antes do 20 de xullo, aínda que nas carteirías rurais tamén é posible entregarllo directamente ao persoal de reparto dentro dese mesmo prazo.
A instrución 5/2023, de 8 de xuño, da Xunta Electoral Central, esixe que o voto por correo sexa entregado pola propia persoa electora. No caso de non poder entregalo persoalmente poderase autorizar a outra persoa para que o faga no seu lugar en calidade de representante. Para iso deberá levar unha autorización asinada pola electora ou elector e unha fotocopia polos dous lados de ambos documentos oficiais de identidade (pode ser o DNI, o carné de conducir ou o Pasaporte, sempre que estean en vigor).
Na web de Correos pode descargarse o modelo de folla de representación.
É moi importante ter en conta, por último, que unha vez tramitemos o noso voto por correo, non poderemos votar presencialmente na mesa o día 23 de xullo.